Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

mércores, 27 de abril de 2011

ANA Mª MATUTE, Premio Cervantes 2010

Hoxe celébrase a entrega do Premio Cervantes á extraordinaria escritora Ana Mª Matute, de 85 anos. Curiosamente desde a instauración dos premios só foron agraciadas dúas escritoras antes ca ela e esta barcelonesa pertencente á xeración dos "nenos asombrados" da posguerra é sobreiramente merecedora de tan prezado galardón pola imaxinación e compromiso social reflectidos nas súas novelas, así como a súa capacidade de conmover ao lector. Entre a súa produción literaria atopamos contos para nenos, relato curto e inesquecibles novelas como Olvidado Rey Gudú, Aranmanoth, La torre vigía, Los soldados lloran de noche, La Trampa e a última Paraíso inhabitado.
Aquí podedes ver unha pequena entrevista que lle fixeron hai uns días preguntándolle sobre o premio e outras cuestións.

venres, 22 de abril de 2011

Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor 2011


Ao longo do ano temos unha chea de celebracións e efemérides que moitas veces non sabemos moi ben de onde proceden, pois ben, neste DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO que con tanto fervor celebra o conxunto do mundo cultural vimos de conmemorar a morte -o 23 de abril de 1616- de os dous escritores máis grandes da literatura universal: Miguel de Cervantes e William Shakespeare, xunto co Inca Garcilaso de la Vega, pero por se fora pouco tamén nesa data naceron ou morreron escritores da talla de Nabokov ou Josep Pla .

Por este motivo un organismo tan importante como a UNESCO escolleu esta data en 1995 para “render unha homenaxe mundial ao libro e aos seus autores e para alentar a todos, especialmente aos máis novos a descubrir o pracer da lectura e respectar a insubstituíble contribución dos creadores ao progreso social e cultural”. Temos que dicir que xa en España en 1926 Alfonso XIII asinou un decreto no que se creaba oficialmente a Festa do Libro Español ,en outubro, pero foi en 1930 cando se instaura definitivamente a actual data como Día do Libro , tradición que rapidamente colleu pulo en Cataluña grazas á coincidencia co día do seu santo Patrón coñecido como a Diada de Sant Jordi.

Esta data tamén é a elixida para celebrar a entrega anual dos Premios Cervantes, o máis importante galardón para as letras hispanas, e nós , a parte de con este artigo, queremos contribuír cunha sorpresa á volta de vacacións de Semana Santa. Non deixedes de pasar pola biblioteca en calquera dos recreos da semana do 26 ao 29.

Gozade desta presentación e ...Felices Letras!!!!


xoves, 14 de abril de 2011

GAÑADORES MARATÓN CULTURAL



Xa temos gañadores do I MARATÓN CULTURAL do IES Ponteceso.
Despois de 4 semanas de duras labores de investigación e tras un apretado resultado os equipos gañadores son os seguintes:

1º Clasificado: OS KACHÍSCULAS, con 52 puntos.
2º clasificado: VAA PETATE, con 50 puntos
3º clasificado: O MELLOR DE CADA CASA, con 49'5 puntos.

Faremos entrega dos premios na biblioteca o venres 29 no recreo.
Vinde guapos, que hai foto.



martes, 12 de abril de 2011

Xuntanza e actividade do club de lectura Os Esquíos Lectores

Deixamos aquí a reportaxe gráfica sobre a actividade que fixemos o luns 4 de abril para traballar e recapacitar un pouquiño sobre a triste realidade que lle toca vivir ó protagonista do libro que limos "Asmir no quiere pistolas", un rapaz que vive a traxedia da guerra de Bosnia dende o punto de vista dos refuxiados. Cóntanos como é a súa viaxe ata Viena, os medos e as alegrías que ten, a morriña pola súa terra e sobre todo, a lembranza polo seu pai, que non puido viaxar con eles. Un libro moi recomendable, fermoso e triste á vez.

A xuntanza consistiu nun picnic, que tomamos ó aire libre no coidado céspede do noso instituto. Tivemos moita sorte co día, porque estivo moi asollado. Cando rematamos de xantar e reposar un pouquiño, fomos directamente á nosa biblioteca a traballar e realizar un pequeno resumo dos personaxes e a viaxe, que fixemos entre todos. Quedou reflectido nun mural que se pode ver colgado na biblioteca.

domingo, 10 de abril de 2011

ENCONTROS PLAMBE

Un ano máis vimos de celebrar uns encontros en Santiago nos que nos reunimos os coordinadores de todas as bibliotecas de Galicia que estamos inmersos neste "Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares". Foi como sempre un pracer atopar aos colegas que traballan coma nós por facer unha biblioteca accesible, motivadora e centro de recursos para os nosos centros. Para os profesores interesados tedes AQUÍ o enlace aos materiais presentados nas xornadas, e para o resto dicirvos que o máis grande que vivimos foi a charla cunha lenda viva da literatura galega:Xosé Neira Vilas- autor, entre outros, do grandísimo Memorias dun neno labrego e que fixo que a clausura das xornadas fora como unha fervenza de emocións.

venres, 8 de abril de 2011

RESPOSTAS DA 3ª SEMANA DO MARATÓN CULTURAL

martes, 5 de abril de 2011

BUBISHER


Bubisher é un proxecto que consiste en levarlle libros aos campamentos de refuxiados saharauís. Empezaron cun "bibliobús" que percorría as escolas funcionando como unha biblioteca ambulante pero hoxe en día xa teñen en construción unha biblioteca estable e non pararán ata levarlle a cultura a todos os campamentos do Sahara.
Con esta fermosa idea colaboran activamente a Biblioteca As Mariñas de Betanzos e dende a nosa gustaríanos tamén facerlle difusión a este fermoso proxecto, se cadra no futuro poderíamos colaborar tamén nós botando unha man.

domingo, 3 de abril de 2011

NOVIDADES

Pronto poderedes gozar das novidades que a biblioteca acaba de adquirir para todos vós . Trátase dunha variada colección de libros que como cada ano nos achega unha librería ambulante de Vilagarcía de Arousa. Entre as novas adquisicións encontraredes banda deseñada, biografías, historia, deseño, novelas, e moitas sorpresas máis. É HORA DE ACHEGARSE Á BIBLIOTECA.
E para facer boca un adianto...







PREGUNTAS DA 4ª SEMANA DO MARATÓN CULTURAL

Preguntas da 4ª semana do Maratón Cultural