Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

xoves, 29 de setembro de 2011

Música para os recordos

Este sábado 1 de outubro a UNESCO conmemora "World day of Young Music".
Pola outra banda, hai poucos días, o 21 de setembro, celebrouse o "Día Mundial do Alzheimer", enfermidade que vai borrando os recordos das persoas... Ademais, cómpre engadir que este ano 2011 estase a adicar ó "Ano da investigación no Alzheimer".

O documental As voces da memoria axunta estes dous temas tan especiais. Emitido pola 2 de televisión, a cargo do prestixioso programa Documentos TV, trata do poder curativo da música en persoas que sufren a enfermidade e narra as actividades musicais que realizan, entre elas a práctica do canto nun coro. Fermoso e conmovedor, sen dúbida algunha, paga moito a pena velo.


xoves, 22 de setembro de 2011

UN SOL DE LIBROS




Nos soles colocados estratexicamente no corredor que da entrada á biblioteca e na entrada principal do centro invitámosvos a compartir con nós os títulos dos libros que lestes no verán e que máis vos gustaron. Queremos así “abrir boca” neste curso que vai estar cheo de novidades e no que queremos a vosa inestimable axuda con pequenos detalles coma este. Entre os participantes faremos un SORTEO dun pequeno agasallo de benvida.

sábado, 17 de setembro de 2011

FOMENTO DA LECTURA: Unha boa e unha mala nova.

Para ir abrindo boca agora que comeza o curso.
Un pequeno consello para empezar a ler: non perdas tempo.

xoves, 15 de setembro de 2011

AS BIBLIOTECAS GALEGAS DESPIDEN A Mª DOLORES

Comezamos o curso con tristeza.

Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.

Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto! Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.

Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.

Cristina Novoa

Pilar Sampedro

Asesoría Bibliotecas Escolares

posanollocurtiscambre
jdoloresj
teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig


domingo, 11 de setembro de 2011

BENVIDOS e BENVIDAS AO NOVO CURSO, Á UNHA NOVA AVENTURA ARREDOR DOS LIBROS

Xa estamos aquí dispostos a pór en marcha unha nova aventura arredor dos libros e da cultura. Este ano temos pensadas moitas novidades pero para iso necesitamos a vosa inestimable axuda, tanto de profes como de alumnos.

Iniciamos anunciándovos que xa temos a nova Convocatoria de Clubs de Lectura para este curso 2011/12. Así que os profes nos temos que “poñer as pilas” e os rapaces xa podedes ir pensando nesta nova aventura que comeza este curso. Non vos defraudará.

Queremos así mesmo facer mención a unha compañeira recentemente falecida: Mª Dolores, responsable da biblioteca do IES Luis Seoane de Pontevedra, e incansable traballadora neste o noso pequeno planeta das bibliotecas. Descanse en paz.

luns, 8 de agosto de 2011

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO


"Viñetas desde o Atlántico" é o nome que recibe o salón do cómic que dende o ano 1998 ten lugar na cidade da Coruña. Esta é a segunda cita reservada ao mundo da lectura no mes de agosto despois da exitosa feira do libro que está a piques de rematar ( se aínda non tivestes tempo de achegarvos, quédanvos 2 días). Nesta ocasión a banda deseñada toma a cidade en forma de superheroes empolicados en diferentes monumentos da cidade e no Kiosko Alfonso, como xa é tradicional amósasenos unha interesante selección que vai dende cómics vellos ata o mellor que se publica hoxe en día. O debuxante invitado esta vez é o ourensán David Rubín, por unha vez profeta na súa terra.

Paga a pena gozar desta exhibición que estará aberta ata o 15 deste mes.

mércores, 29 de xuño de 2011

A maleta de Sofia


Hoxe martes 28 de xuño ten lugar a estrea da longametraxe "A maleta de Sofía", unha película de Marcos Gallego, arredor da figura de Sofía Casanova, escritora e periodista de guerra na convulsa época de principios do século XX. Deixamos aquí o enlace ao tráiler e comentarios sobre tan sobranceira e descoñecida figura literaria que merece estar ao carón de escritoras como Rosalía de Castro , Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal .

luns, 20 de xuño de 2011

Que ler no verán

Presentamos aquí as quías de lectura para este verán. Tanto si estás estudando a ESO como si es de Bacharelato, aquí atoparás suxestións refrescantes para este verán.
Mergúllate na lectura connosco!!!!!




mércores, 15 de xuño de 2011

Chimamanda Ngozi Adichie

O día 16 de xuño celébrase o Día do Neno Africano, que non é máis que outra oportunidade na que un organismo como UNICEF nos pon diante para exercer unha reflexión máis que necesaria nos tempos que vivimos.

Esta reflexión sírvenos nin máis nin menos como unha boa escusa para presentarvos a unha escritora nixeriana de nome impronunciable : Chimamanda Ngozi Adichie e un dos seus máis fermosos e cruentos libros Medio Sol Amarillo no que conta a través de diversos personaxes a traxedia da guerra de Biafra en Nixeria nos anos sesenta e como a poboación viuse enfrontada á fame que levan as guerras e a tremendas masacres entre diferentes etnias. Sempre a mesma historia.

Acompañamos este artigo cun vídeo dunha das conferencias que a escritora da polo mundo para falar do que mellor sabe facer: contar historias, e como esas historias ás veces non se entenden ben pola cor das persoas que as escriben. Toda unha xoia.


xoves, 9 de xuño de 2011

GALEGOBOOK: Unha nova ferramenta.

Nace GALEGOBOOK un proxecto sen ánimo de lucro que pretende ser un espazo onde publicar, compartir e conversar sobre un gran número de libros electrónicos que circulan pola rede sobre lingua (gramática, fonética, sociolingüística, manuais, terminoloxía...)

Este novo recurso pretende dar accesibilidade aos textos que se publican arredor da lingua galega e que posúen versión electrónica (pdf ou en pub).

Para facilitar a procura de material, o Galegobook conta tamén cun índice por autoría e por título.

Na actualidade, o blog está en fase de construción, polo que aínda non están referenciadas moitas das obras dispoñibles na rede. Con todo, conta xa con 114 documentos para descargar.

Tamén o proxecto inclúe unha páxina de Facebook onde compartir, comentar e contribuír ao proxecto