Singular é aquilo que é diferente
a todos os outros da súa especie. Singular é Ponteceso e máis singular é O
Couto. E O Couto é singular porque, entre outras singularidades destacables,
organiza e difunde o FESTILETRAS. Difícil atopar un evento para a cultura
galega semellante baixo a responsabilidade dos veciños dunha aldea
irreductible. Tan irreductible que a aldea vén batallando 30 anos na teima esa
de difundir os valores da cultura galega como ferramenta de identificación de
noso.
Coa
trixésima edición do evento consolídase unha das progamacións senlleiras do
panorama cultural galego. Así as cousas, imos poder gozar da música de xente familiar
para nós como Xurxo Souto ou os aclamados Kepa Junquera e Joan Garriga,
deleitarnos coas virguerías ilusionistas do Mago Antón, a animación verbal de
Quico Cadaval ou Cándido Pazó, a homenaxe a escritores case tan partícipes da actividade
da Asociación como os mesmos veciños (Xelucho Abella, Xabier Docampo, Miguel
Mato, …), o humor das Cantareiras de Ardebullo ou o encontro con escritores da traxectoria dun Neira Vilas ou Fran
Alonso.
Sen entrar no pormenor
de todas e cada unha das múltiples actividades, sabede que o mércores de mañá
encetarase a programación que non ha rematar até o domingo á tardiña. Convén
non distanciarse moito de toda esta variedade porque é posible que atopedes
aquilo que vos interesa. Ide á guía para o comprobar: hai de todo e para todos
con moita calidade, para aprender ou para desfrutar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario