Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

mércores, 11 de xaneiro de 2012

Todo un mundo de ilusións

Este artigo non ten nada que ver cos Reis Magos dos que falamos onte pero si sobre a maxia do cerebro e a súa  forma de percibir os obxectos. Picade na foto de abaixo e entraredes nunha páxina web : El Mundo de la Ilusiones para vivir no mundo das ilusións ópticas... e tolear un pouquiño.
Mirade a imaxe durante un anaco. Que vedes?

Na biblio podedes atopar 
 Ilusiones ópticas. Las imágenes engañosas más espectaculares . ¡Verlo para creerlo! 
 Editorial Parragon

martes, 10 de xaneiro de 2012

Novidades de Reis


Os Reis Magos tamén chegaron á biblioteca do IES, neste caso cumprindo coas  peticións máis repetidas  que  nos atopamos na CAIXA DE SUXESTIÓNS DE COMPRA.


A estrela das suxestións foi :

Guinness World Records 2012







Seguido das novelas de Charlein Harris da serie True Blood: El club de los muertos, Muerto para el mundo e Vivir y morir en Dallas.


Tampouco podía faltar outra das novelas máis solicitadas : Los pilares de la tierra, de Ken Follet.

E  para non deixar a ninguén sen petición cumprida, conseguíronnos tamén dous exemplares da  famosa Novela de ajedrez, de Stefan Zweig.

O dito, son  todo un luxo, estes Reis …

sábado, 7 de xaneiro de 2012

Tiching, nova rede educativa


Presentámosvos TICHING, unha nova rede educativa global na que se poden atopar todo tipo de contidos educativos, compartir información ou contactar con outras persoas  dentro das diversas comunidades educativas. Tiching vai dirixido  non só ao profesorado, senón tamén ao alumnado, aos pais e nais e mesmo aos pedagogos de calquera centro e nivel educativo.
Para explorar os seus contidos pincha AQUÍ
Para ver o seu Blog pincha AQUÍ

xoves, 5 de xaneiro de 2012

Morre o intelectual Isaac Díaz Pardo

Hoxe tivo lugar o pasamento dun dos intelectuais máis queridos e recoñecidos en Galicia: Isaac Díaz Pardo. O artista naceu en Compostela no ano 1920, fillo do tamén pintor Camilo Díaz Baliño que morreu fusilado nos albores da Guerra Civil polo que tivo que agocharse sendo moi novo. Anos máis tarde conseguiría cursar estudos de arte e máis ser profesor na Escola Superior de Belas Artes de Barcelona. Para o gran público é sumamente coñecido como o fundador da fábrica de Cerámicas do Castro ( en que fogar galego non hai unha peza de Sargadelos?) pero tamén puxo en marcha o museo Carlos Maside ou a editorial “Edicións do Castro”.
Como escritor de ensaio e crítica, destacan Xente do meu Rueiro, O ángulo de pedra, Galicia Hoy (xunto con Luís Seoane), Paco Pixiñas (con Celso Emilio Ferreiro), El Marqués de Sargadelos, Castelao, etc, ademais dunha morea de artigos en xornais.

martes, 27 de decembro de 2011

Gran éxito da campaña de lectura de Nadal

Queremos darlle as grazas a todas as persoas que fixeron posible esta bonita campaña de “agasallos” en forma de recomendacións lectoras (ao profesorado que se animou a participar, a toda a rapazada que pouquiño a pouco foi facendo medrar a ilusión dos regalos e a Marga, profesora do IES As Mariñas quen xentilmente nos prestou a idea .
 Case chegamos aos 140 préstamos, o ano que vén iremos a polos 200!!!

FELICES LECTURAS.

xoves, 22 de decembro de 2011

"Quen poidera namorala"

Hoxe o noso personaxe homenaxeado por excelencia- Don Álvaro Cunqueiro- cumpriría 100 anos e para celebralo que mellor cousa que a versión musical dun dos seus poemas máis coñecidos  grazas a un médico e cantautor de Moraña, Luis Emilio Batallán, e que moitos dos profes recoñecemos como unha especie de banda sonora da nosa xuventude.
Para gozar.

 
(Cantiga nova que se chama Riveira, 1933. Álvaro Cunqueiro)
No niño novo do vento
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.
Quén poidera namorala,
meu amigo!

Ten áers de frol recente,
cousas de recén casada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Tamén ten sombra de sombra
e andar primeiro de río.
quén poidera namorala,
meu amigo!

luns, 19 de decembro de 2011

Ano Cunqueiro (1911-2011)

Con motivo da celebración do nacemento deste magnífico escritor galego teñen lugar en moitos lugares de Galicia sentidos homenaxes á súa figura literaria.  Hoxe inauguramos a nosa pequena exposición na biblioteca que fai un percorrido pola biografía e polos diversos xéneros literarios que con tanta fortuna cultivou Don Álvaro Cunqueiro, así mesmo,  os nosos alumnos de 2º de Bacharelato terán a ocasión de asistir a un evento no salón de actos da Fundación Eduardo Pondal  no que o profesor César Morán realizará unha animación musical arredor da figura do escritor.
Gustaríanos tamén que lle botarades unha ollada a esta presentación realizada por Elvira Roiz e tomada da  Biblioteca "Saturnino Hermida" do I.E.S. Concepción Arenal (Ferrol). Compartindo, coma sempre, que é moi san, esperamos que gocedes dela e que vos sexa útil.C
View more presentations or Upload your own.

venres, 16 de decembro de 2011

A imaxe do día

Na biblioteca calquera recuncho é bo para ler ou estudar no recreo...

                                    Incluso debaixo da escaleira!!!!!

xoves, 15 de decembro de 2011

Graciñas, Rosalía!

Di o refrán “quen sementa, recolle” . Na biblioteca do IES sentímonos orgullosos de presentarvos unha achega dunha antiga alumna, ROSALÍA REGUEIRO MÉNDEZ, licenciada en historia, quen xenerosamente regálanos un exemplar de “Vixiados. Represión e vixilancia na Galiza da Guerra Civil (1936-39), editado por Emilio Grandío. Precisamente, un dos capítulos desta obra:”Fichados. Un estudo de caso: O índice alfabético-onomástico de investigados-informados pola delegación de Orden Público ( A Coruña, 1938)” é froito da investigación levada a cabo por Rosalía ( e da que agardamos, nun futuro próximo, sexa o xermolo da súa tese de doutoramento).
Animámosvos a que lle botedes unha ollada ( se cadra, o profe de historia de España vos pregunta algo que veña nel…) e a que se sabedes dalgún/ha alumno/a que teña publicado algún traballo que o comparta con todos nós, que a biblioteca necesita libros pero , sobre todo, xente que se encariñe ( e que faga encariñar) cos(aos) libros.

mércores, 14 de decembro de 2011

Agora que imos cara o inverno, unha de exploradores.

Roald Amundsen chega ao Polo Sur tal día como hoxe hai 100 anos. Así foi , o explorador noruegués Roald Engelbregt Gravning Amundsen (Borge, Noruega, 16 de xullo de 1872 - Mar de Barents, 18 de xuño de 1928) dirixiu unha expedición á Antártida en 1911 e alcanzou o Polo Sur por vez primeira o 14 de decembro aínda que non se soubo do seu achado ata un ano despois cando o equipo chegou a Australia (o fallo de non ter teléfonos móbiles). A famosa expedición viaxou nun navío chamado Fram e contou coa inestimable axuda de cans groenlandeses que facían o transporte de víveres e demais material do campamento.

En tempos de frío, por que non deleitarnos con algunha destas aventuras polares xunto cunha cunquiña de chocolate quente?

Desgraciadamente na biblioteca non contamos co libro escrito por Amundsen trala súa viaxe: El Polo Sur: un informe de la expedición antártica noruega en el "Fram", 1910-1912, pero si que contamos cun par de xoias que relatan aventuras similares:
Shackleton da editorial Geoplaneta e Con Scott al Polo, da editorial Planeta, ámbolos dous libros na sección de VIAXES (910).