Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

xoves, 27 de setembro de 2012

CHOCOLATADA PARA INAUGURAR OS CLUBS DE LECTURA

O PRÓXIMO MÉRCORES 3 DE OUTUBRO A BIBLIOTECA DE IES DE PONTECESO INAUGURARÁ OS CLUBS DE LECTURA DESTE CURSO 2012 -2013. POR SUPOSTO, ESTADES TODOS E TODAS INVITADOS!!!




Peche da editorial A Nosa Terra


Despois de máis dun século de loita pola lingua e cultura galega a editorial A Nosa Terra pecha definitivamente. Hai apenas un ano que a súa edición escrita desapareceu dos quioscos e agora tamén nos deixa na rede. 
Unha verdadeira mágoa!!!





martes, 25 de setembro de 2012

BIBLIOTECAS ESCOLARES, ACELERADORAS DE INNOVACIÓN



Con este lema, Biblioteca escolar, acelerador de innovación, preséntase o cartel que neste curso 2012/2013 edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co gallo da celebración do mes da biblioteca escolar (outubro) e do Día da Biblioteca (24 de outubro) e que chegará aos centros en datas próximas.



luns, 24 de setembro de 2012

Cultura e Educación difunde o legado de Celso Emilio Ferreiro na provincia de Pontevedra a través das rúas que levan o nome do poeta


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ata a provincia de Pontevedra a campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Cultura que ten como obxectivo difundir e poñer en valor o legado do escritor entre os veciños e veciñas que residen nalgunha das 28 rúas que en Galicia levan o seu nome.
A Consellería distribuíu entre os veciños das rúas da provincia dedicadas a Celso Emilio Ferreiro o material desta campaña, que consiste nun folleto de dezaseis páxinas con información detallada sobre o autor, presentada de maneira lúdica e orixinal: a vida en formato de fotonovela, unha liña biográfica, información sobre os discos que recollen no mercado os seus poemas musicados, un catálogo das súas obras e mesmo unha proposta de pasatempos (labirinto, sopa de letras, encrucillado etc.) sobre algunha desa información.
A campaña chegou concretamente aos concellos de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Pontevedra, Nigrán e Vigo. Fíxoo logo do seu paso polas provincias de Ourense, no mes de abril, e de Lugo, no mes de xuño. A Secretaría Xeral de Cultura completará a difusión desta campaña en outubro, coa distribución dos folletos na provincia da Coruña.




xoves, 20 de setembro de 2012

OS BOLECHAS



Os admiradores das historias creadas por Pepe Carreiro, Os Bolechas, están de noraboa.
O luns 24 de setembro, a TVG arrancará a nova programación cos 8 capítulos da serie Os Bolechas. O programa poderase ver na canle que a televisión pública lle dedica ao público infantil, a TVG2, no marco do coñecido espazo do “Xabarín Club”, e contará con tres emisións diarias.
Os muppets de Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa representarán as divertidas aventuras que os fixeron famosos no eido da literatura infantil. O seu éxito radica en seren un referente próximo para os nenos e nenas galegos, tanto porque a familia está integrada por personaxes de diferentes idades que permiten conectar con cativos de 2 a 10 anos, como porque viven experiencias semellantes ás dos nosos nenos e nenas en espazos por eles coñecidos.

mércores, 19 de setembro de 2012

Benvido curso 2012 - 2013





BENVIDOS E BENVIDAS A UN NOVO CURSO !!!

A Biblioteca do IES de Ponteceso quere darvos a benvida a este novo curso que xa comezou a andar.

MANIFESTO

Etimoloxicamente a palabra biblioteca significa lugar onde hai libros, mais se nos quedamos só nese significado denotativo non poderemos entender o que en realidade é unha biblioteca.

Por iso a nosa biblioteca quere ser un recuncho onde libros e persoas se atopen. Un lugar onde as historias das obras cabalguen das estanterías ás mentes dos rapaces. 

Cada palabra, cada diálogo, cada historia que mora nas follas dun libro está a agardar ao seu lector cómplice e copadecente. Aí están esperándovos moreas de liñas de misterio e emoción. 


Rapaces e rapazas!!!, non as fagades esperar!!!



luns, 25 de xuño de 2012

Choiva de premios na biblioteca

O pasado venres 22 de xuño fixemos entrega dos premios aos últimos concursos convocados no noso centro e coa colaboración da biblioteca. Deixámosvos aquí unha reportaxe fotográfica do acontecido e seguidamente o poema premiado no V Certame Literario do IES de Ponteceso, de carácter comarcal,  que recaeu en mans dunha rapaza que cursa 4º de ESO no IES Alfredo Brañas de Carballo. Parabéns a Mª Belén Trigo e ao resto de gañadores.

Entrega de premios no IES de Ponteceso on PhotoPeach

EU SON GALICIA! ( por Mª Belén Trigo)

Eu son a letra que recorre
unha folla en branco.
Eu son a que voa no vento
a que se agocha no bosque.

Eu son a nai de todos vós,
son o pai de todos aqueles
que se refuxian no meu interior.

Nacín coa beleza dunha snhor
e morrerei cando xa non teña voz;
Nacín no peirao,
morrerei no último barco.

Ao anoitecer escoitarasme gritar
no fondo do val e verás
as lámpadas da Santa Compaña
que a miña cara iluminarán.

Pola noite o ouveo do lobo
cara a lúa colgada no ceo;
escoitarase a música do trabador do noso reino.

Verás o sol baña-lo bosque; nacerá
un desexo no teu peito, latexando forte;
Así, con cada latexo escoitarásos meus soños tintados de verde.

Eu son unha nena, son un vello
son un vento do norte
son a chuvia do ceo
son un bico nun muíño
son un "si quero"
son un soño, un desexo...

Un corazón son

Eu son Galicia!...





luns, 18 de xuño de 2012

Guías de verán

Entra na biblio para ver
 as últimas novidades

Como xa vai rematando o curso, na biblio elaboramos unhas  pequeniñas guías de lectura con algunhas das novidades e clásicos en galego e en castelán, para a ESO e para Bacharelato, en definitiva: para todos os gustos. Se vedes que nas guías non hai nada que vos convenza, non deixedes de pasar pola biblioteca, se cadra atopades o que estabades buscando. Veredes que tamén puxemos un expositor de novidades. 
Hai moito onde escoller.

Teredes as guías en papel nas aulas, pero polo momento, para ir facendo boca...


domingo, 17 de xuño de 2012

Recomendación: 100 mitos de la ciencia


Recoméndannos este abraiante libro que temos na biblio na sección de divulgación científica (001).

Debemos saber distinguir moi ben entre ciencia e mito, xa que a maioría das afirmacións, como por exemplo, "nacen mais nenos en lúa chea", "só usamos o 10% do cerebro", "Mendel era mal estudante"..., son mitos. Un mito é tan só unha afirmación que resulta atractiva para a nosa mente sen ter ningún tipo de fundamento científico. Anímate!! le o libro os 100 mitos da ciencia e desta forma descubriras a orixe deles.
Ana Álvarez  1º A BAC.

xoves, 14 de xuño de 2012

VISITA DO POETA PACO SOUTO


O poeta cos "Esquíos Lectores"
O pasado 15 de maio veunos dar unha especie de visita un poeta e dramaturgo galego chamado Paco Souto.
            Un poeta malpicán que realizou con nós unha pequena actividade porque os nenos e nenas do Club de Lectura “Os esquíos lectores”, de 1º e 2º de ESO, lemos un dos seus libros de poesía, As horas de María, que gañou o premio de poesía Jhan Carballeira. Nel os poemas inspíranse nunha campesiña de finais do século XIX e metade do XX, que é unha idealización das súas dúas avoas e do seu mundo. Conta as emocións e frustracións dunha muller en diversas situacións: a chegada de novos inventos como a lavadora e a trelevisión, as vivencias e rutinas como traballadora da terra... e mais os seus problemas persoais.
Logo de que nos comentara varios aspectos do libro, respondeu ás nosas preguntas. Para el a poesía “non se pode tomar ao pé da letra” e  a linguaxe poética “posúe outros significados que non son os da lingua coloquial”.
            Máis tarde recitou algúns dos seus poemas preferidos, entre os que escollemos o preferido da maioría dos esquíos lectores, incluída a profesoa Gelines.
Natalia Aguiar 2ºB ESO

CARTA ÚLTIMA ( Paco Souto)

Querido Manuel

dous puntos

mándoche esta
para que saibas que estamos ben
os rapaces medran como liño
e cando te queres dar de conta
xa é tempo de mazalo
a besta vai parideira
e non deixa andar de a cabalo
A Roxa e a Morita están secas
dúas crías trouxo a Linda
e claro
non xuntamos un cuartillo
Polo demais
todo ben

O Andresiño 
vai aprender de zapateiro á Coruña
quintas e sextas
pola noite
á escola que di o tolo de Froxel
cas Lola

A nena
é un caravel que me sae do peito
e non se me quita de diante
vou ao río alá vén ela
estro as cortes alá está ela
chamo ao gando
e nin podo coller herba
con mamá calquera a deixa!
agora mesmo 
non para de andarme entre as letras
e a ti
como che vai a guerra?