Este escritor norteamericano é un exemplo de amor á
literatura, e sobre todo, á lectura. Non puido cursar estudos universitarios
debido a dificultades económicas, pero dende xove foi un lector empedernido,
polo que decidiu formarse de maneira autodidacta a través de libros. Escribiu os
seus primeiros contos para revistas nos anos 40, e tamén traballou como
guionista para televisión e cine, un de cuxos traballos máis destacados foi a
súa colaboración co gran director John Huston no guión da película que adaptaba
a novela Moby Dick de Herman Melville,
e que sería rodada por Huston en 1956.
As súas obras máis coñecidas son Farenheit 451 (novela que presenta un
futuro no que os libros están prohibidos, e na que un bombeiro cuxa profesión
era queimar libros cambia a súa actitude ao coñecer unha misteriosa rapaza), e a
colección de relatos Crónicas marcianas
(que narran a colonización de Marte polos humanos e a extinción da civilización
marciana que alí existía).
O seu epitafio leva a inscrición que el pediu,
“Autor de Farenheit 451”; e, como despedida, recollemos unhas palabras súas que
ilustran moi ben a súa concepción da literatura e do mundo:
“Nas miñas obras non tratei de facer
predicións acerca do futuro, senón avisos. É curioso, no meu país cada vez que
xurdía un problema de censura saía a relucir como paradigma da liberdade Farenheit 451. Os intelectuais, xa sexan
de dereitas ou de esquerdas, sempre teñen medo ao fantástico porque lles parece
tan real ese mundo que cren que estás intentando enganar e, evidentemente, así
é. (…) Vivimos nun mundo que nos absorbe coas súas normas, coas súas reglas e a
burocracia, que non serve para nada. Hai que ter moito coidado cos intelectuais
e os psicólogos, que che intentan dicir o que tes que ler e o que non”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario