Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

luns, 12 de decembro de 2011

Nova edición do X&Q

Presentámosvos un novo número do boletín da biblioteca, o X&Q, no que vos damos puntual información sobre acontecementos culturais que se deron no noso país así como eventos que tiveron lugar no noso centro, recomendacións literarias, conmemoracións, concursos e moitas cousas máis. Se non fostes quen de facervos cunha copia, aquí tendes a versión virtual.

sábado, 10 de decembro de 2011

Día dos Dereitos Humanos


Baixo esta imaxe tedes a ligazón á páxina da ONU que fala do porqué da celebración deste día. Na nosa biblioteca queremos sumarnos a esta importante celebración cunha lista de recursos que vos poden ser interesantes:


xoves, 8 de decembro de 2011

125 Aniversario do nacemento do pintor Diego Rivera


Tal día como hoxe nace en Guanajuato , México hai 125 anos o pintor e muralista Diego Rivera. Formado en distintos países europeos na época cubista, abandona esta corrente artística en aras dunha estética que estivera máis acorde cos ideais revolucionarios da súa patria . É por iso coñecido como autor de soberbios murais de temática social e tamén, co tempo, pola súa relación coa tamén famosa pintora mexicana Frida Kahlo.

Deixamos aquí un vídeo que mostra algunhas das súas mellores obras.

luns, 5 de decembro de 2011

Campaña de lectura de Nadal: "Regáloche un libro"

Tódolos anos rompémonos a cabeza para conseguir , non que vos acheguedes á biblio, que xa o facedes, senón que vos levedes algún título para casa nestas épocas de lecer: guías de lectura, profes pesadísimos que vos intentan comelo coco, exposicións… se cadra algún cae, pero... este ano encontramos a fórmula máxica: “REGALAR” libros da biblio!!!! Quen se pode resistir a tan sutil agasallo?
Lede as instrucións para facer un pouco máis feliz a quen máis vos apeteza: compañeir@s, profesores, pais ou nais… Tod@s merecen un anaquiño da vosa atención.
Ah! e grazas á biblioteca "As Mariñas" de Betanzos pola fantástica idea.

domingo, 4 de decembro de 2011

NICANOR PARRA: Premio Cervantes 2011

A voltas cos premios, estamos outra vez aquí para falar do máis alto galardón que se concede nas letras hispánicas: O Premio Cervantes. Nesta ocasión, e en paralelo co que sucede con José Luis Sampedro, trátase dun escritor cuxa profesión dista moito do que se podería esperar dun profesional das letras. Nicanor Parra Sandoval é un matemático e físico chileno de 97 anos e creador da antipoesía, fervente defensor do folklore do seu país e ecoloxista convencido. Pertence a unha saga de artistas e creadores, a súa irmá foi a famosa cantantautora Violeta Parra, e tanto os seu pais como os seus fillos están vencellados dalgún xeito ao mundo das artes.

Durante medio siglo

La poesía fue

El paraíso del tonto solemne.

Hasta que vine yo

Y me instalé con mi montaña rusa.

Suban, si les parece.

Claro que yo no respondo si bajan

Echando sangre por boca y narices.


xoves, 1 de decembro de 2011

No día Mundial contra a Sida, unha recomendación lectora.

No día no que se nos lembra da importancia da prevención fronte esta terrible enfermidade, gustaríanos recomendarvos un libro: Futuro Imperfecto no que a autora, Xulia Alonso, nos describe unha tenra é á vez durísima historia da primeira xeración que foi engulida pola droga e que sufriu os envites da Sida nun tempo de absoluta ignorancia e empatía por parte da sociedade.