Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

luns, 25 de xuño de 2012

Choiva de premios na biblioteca

O pasado venres 22 de xuño fixemos entrega dos premios aos últimos concursos convocados no noso centro e coa colaboración da biblioteca. Deixámosvos aquí unha reportaxe fotográfica do acontecido e seguidamente o poema premiado no V Certame Literario do IES de Ponteceso, de carácter comarcal,  que recaeu en mans dunha rapaza que cursa 4º de ESO no IES Alfredo Brañas de Carballo. Parabéns a Mª Belén Trigo e ao resto de gañadores.

Entrega de premios no IES de Ponteceso on PhotoPeach

EU SON GALICIA! ( por Mª Belén Trigo)

Eu son a letra que recorre
unha folla en branco.
Eu son a que voa no vento
a que se agocha no bosque.

Eu son a nai de todos vós,
son o pai de todos aqueles
que se refuxian no meu interior.

Nacín coa beleza dunha snhor
e morrerei cando xa non teña voz;
Nacín no peirao,
morrerei no último barco.

Ao anoitecer escoitarasme gritar
no fondo do val e verás
as lámpadas da Santa Compaña
que a miña cara iluminarán.

Pola noite o ouveo do lobo
cara a lúa colgada no ceo;
escoitarase a música do trabador do noso reino.

Verás o sol baña-lo bosque; nacerá
un desexo no teu peito, latexando forte;
Así, con cada latexo escoitarásos meus soños tintados de verde.

Eu son unha nena, son un vello
son un vento do norte
son a chuvia do ceo
son un bico nun muíño
son un "si quero"
son un soño, un desexo...

Un corazón son

Eu son Galicia!...





luns, 18 de xuño de 2012

Guías de verán

Entra na biblio para ver
 as últimas novidades

Como xa vai rematando o curso, na biblio elaboramos unhas  pequeniñas guías de lectura con algunhas das novidades e clásicos en galego e en castelán, para a ESO e para Bacharelato, en definitiva: para todos os gustos. Se vedes que nas guías non hai nada que vos convenza, non deixedes de pasar pola biblioteca, se cadra atopades o que estabades buscando. Veredes que tamén puxemos un expositor de novidades. 
Hai moito onde escoller.

Teredes as guías en papel nas aulas, pero polo momento, para ir facendo boca...


domingo, 17 de xuño de 2012

Recomendación: 100 mitos de la ciencia


Recoméndannos este abraiante libro que temos na biblio na sección de divulgación científica (001).

Debemos saber distinguir moi ben entre ciencia e mito, xa que a maioría das afirmacións, como por exemplo, "nacen mais nenos en lúa chea", "só usamos o 10% do cerebro", "Mendel era mal estudante"..., son mitos. Un mito é tan só unha afirmación que resulta atractiva para a nosa mente sen ter ningún tipo de fundamento científico. Anímate!! le o libro os 100 mitos da ciencia e desta forma descubriras a orixe deles.
Ana Álvarez  1º A BAC.

xoves, 14 de xuño de 2012

VISITA DO POETA PACO SOUTO


O poeta cos "Esquíos Lectores"
O pasado 15 de maio veunos dar unha especie de visita un poeta e dramaturgo galego chamado Paco Souto.
            Un poeta malpicán que realizou con nós unha pequena actividade porque os nenos e nenas do Club de Lectura “Os esquíos lectores”, de 1º e 2º de ESO, lemos un dos seus libros de poesía, As horas de María, que gañou o premio de poesía Jhan Carballeira. Nel os poemas inspíranse nunha campesiña de finais do século XIX e metade do XX, que é unha idealización das súas dúas avoas e do seu mundo. Conta as emocións e frustracións dunha muller en diversas situacións: a chegada de novos inventos como a lavadora e a trelevisión, as vivencias e rutinas como traballadora da terra... e mais os seus problemas persoais.
Logo de que nos comentara varios aspectos do libro, respondeu ás nosas preguntas. Para el a poesía “non se pode tomar ao pé da letra” e  a linguaxe poética “posúe outros significados que non son os da lingua coloquial”.
            Máis tarde recitou algúns dos seus poemas preferidos, entre os que escollemos o preferido da maioría dos esquíos lectores, incluída a profesoa Gelines.
Natalia Aguiar 2ºB ESO

CARTA ÚLTIMA ( Paco Souto)

Querido Manuel

dous puntos

mándoche esta
para que saibas que estamos ben
os rapaces medran como liño
e cando te queres dar de conta
xa é tempo de mazalo
a besta vai parideira
e non deixa andar de a cabalo
A Roxa e a Morita están secas
dúas crías trouxo a Linda
e claro
non xuntamos un cuartillo
Polo demais
todo ben

O Andresiño 
vai aprender de zapateiro á Coruña
quintas e sextas
pola noite
á escola que di o tolo de Froxel
cas Lola

A nena
é un caravel que me sae do peito
e non se me quita de diante
vou ao río alá vén ela
estro as cortes alá está ela
chamo ao gando
e nin podo coller herba
con mamá calquera a deixa!
agora mesmo 
non para de andarme entre as letras
e a ti
como che vai a guerra?


martes, 12 de xuño de 2012

V Xornada dos clubs de lectura.

Este foi o vídeo de entrada á esta nova xornada dos clubs de lectura celebrada en Santiago. Coma sempre, estamos contentos de ter asistido, pero máis contentos se cadra de ter a oportunidade de coñecer, non só a persoeiros da talla de Víctor Freixanes ou Eliacer Cansino, senón de compartir unhas magníficas experiencias con rapaces, pais e profes doutros clubs de lectura. Aquí podedes escoitar a alguns coordinadores e integrantes dos clubs de lectura Arao, do IES Pedra da Aguia, de Camariñas, e do CPI dos Dices, de Rois.

domingo, 10 de xuño de 2012

Premio Xerais de Novela

Pai e filla na entrega dos premios.
Acábase de conceder un dos premios máis importantes no eido da literatura de ficción en galego e o que nos sorprende non é a novela en si, porque non a coñecemos, senón que está escrita a catro mans: María e Manuel Lorenzo, os autores, son filla e pai e aínda que non é a primeira vez que se da este estraño pero fermoso fenómeno si é a primeira vez que recibe un galardón desta categoría, alomenos en galego. A primeira novela deste mestre e da súa filla que tamén se prepara para selo, chámase “Tonas de laranxa” e foi galardoada por unanimidade por un xurado que dixo dela : «sen menoscabo para as excelentes novelas presentadas a este premio, tivemos moi clara a escolla desde o primeiro momento, feito que deu como resultado unha rapida elección por unanimidade. Non hai dúbida de que os membros do xurado quedamos engaiolados polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral para dar lugar a unha novela fermosa». Haberá que tela en conta, sen dúbida.  

xoves, 7 de xuño de 2012

RAY BRADBURY (22-VIII-1920/5-VI-2012)


Este escritor norteamericano é un exemplo de amor á literatura, e sobre todo, á lectura. Non puido cursar estudos universitarios debido a dificultades económicas, pero dende xove foi un lector empedernido, polo que decidiu formarse de maneira autodidacta a través de libros. Escribiu os seus primeiros contos para revistas nos anos 40, e tamén traballou como guionista para televisión e cine, un de cuxos traballos máis destacados foi a súa colaboración co gran director John Huston no guión da película que adaptaba a novela Moby Dick de Herman Melville, e que sería rodada por Huston en 1956.
As súas obras máis coñecidas son Farenheit 451 (novela que presenta un futuro no que os libros están prohibidos, e na que un bombeiro cuxa profesión era queimar libros cambia a súa actitude ao coñecer unha misteriosa rapaza), e a colección de relatos Crónicas marcianas (que narran a colonización de Marte polos humanos e a extinción da civilización marciana que alí existía).
O seu epitafio leva a inscrición que el pediu, “Autor de Farenheit 451”; e, como despedida, recollemos unhas palabras súas que ilustran moi ben a súa concepción da literatura e do mundo:

 “Nas miñas obras non tratei de facer predicións acerca do futuro, senón avisos. É curioso, no meu país cada vez que xurdía un problema de censura saía a relucir como paradigma da liberdade Farenheit 451. Os intelectuais, xa sexan de dereitas ou de esquerdas, sempre teñen medo ao fantástico porque lles parece tan real ese mundo que cren que estás intentando enganar e, evidentemente, así é. (…) Vivimos nun mundo que nos absorbe coas súas normas, coas súas reglas e a burocracia, que non serve para nada. Hai que ter moito coidado cos intelectuais e os psicólogos, que che intentan dicir o que tes que ler e o que non”.

luns, 4 de xuño de 2012

Gañadores do III Premio Ángel Carracedo.


Xa temos gañadores para esta edición dos premios de Divulgación Científica Ángel Carracedo e na que colaboran varios departamentos do centro, entre eles a biblioteca.
Reunido o xurado, este decidiu outorgar dous segundos premios: un para o traballo sobre Fátima Bosch i Tubert realizado por María del Mar Córdova e Antía Suárez ( á dereita da foto) e outro sobre Robert Oppenheimer realizado por Stefany S. Cahuaya Pancca e Maikel Rey ( á esquerda).

Parabéns para os premiados!!!