Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

mércores, 29 de febreiro de 2012

Teatro en Inglés

O pasado luns asistimos un ano máis a unha representación teatral realizada por un grupo británico “CLEVER PANTS” que nos ofreceu unha simpática historia “Three in One” baseada en tres xéneros clásicos: unha traxedia do século XVII, un melodrama do século XIX e unha aventura do século XX .
“A drama, a romance and a thriller with a large dose of humour”
Aquí tedes a reportaxe fotográfica:

luns, 27 de febreiro de 2012

Día de Rosalía: vídeo e fotos

Presentámosvos o video da rolda de lecturas que fixeron os alumnos de 4º de ESO. Emotivas lecturas e emotiva a voz de Estela.



E aquí tedes unha reportaxe fotográfica de todo o evento que foi amenizado con poemas musicados de Rosalía.

domingo, 26 de febreiro de 2012

ENTREGA DOS PREMIOS DAS CARTAS DE AMOR E DESAMOR


Entrega dos premios das "Cartas de amor e Desamor", concurso literario de San Valentín organizado polo departamento de Dinamización Lingüística e a biblioteca 

As gañadoras foron:
Na categoría da ESO:
1º premio para Hilda Romero de 1º de ESO.
2º premio para Zaira Villar de 3º de ESO.
Na categoría de Bacharelato e ciclos:
1º premio para Eva Vázquez de 2º de Bacharelato.
2º premio para Uxía Varela de 2º de Bacharelato.
Na foto as gañadoras dos diferentes premios.
NORABOA A TODAS!!!

xoves, 23 de febreiro de 2012

Día de Rosalía


Mañá 24 de febreiro celebraremos xunto con moreas de bibliotecas públicas e centros culturais o Día de Rosalía para conmemorar o 175 aniversario do nacemento da nosa autora máis universal. No marco dese evento a nosa biblioteca presenta unha sesión de lecturas dalgúns dos seus poemas amenizados por músicas de varios autores . A todos os que se acheguen a ler algún poema entregarémoslle un caravel como agasallo.

Aquí tedes o programa de actividades:



martes, 21 de febreiro de 2012

O Entroido no instituto

Unha mostra do que se fixo no festival de Entroido deste ano no instituto. Moita imaxinación e moito humor!!!

luns, 20 de febreiro de 2012

Enrugas


Na cerimonia dos Goya de onte viuse premiado o filme baseado no cómic do mesmo título do autor valenciano Paco Roca (Premio Nacional de Cómic en 2008). Sentímonos dobremente felices, en primeiro lugar porque a película é froito dunha produtora coruñesa: Perro Verde Films da man do tamén coruñés Ángel de la Cruz e, en segundo lugar, porque se fala dun xeito tan emotivo desta lacra do século XX, o Alzheimer, nunha historia chea de lembranzas e esquecemento que paga a pena ler. Pronto a teremos na biblio.
Aquí tedes o Tráiler da película.


venres, 17 de febreiro de 2012

Molière e o Entroido


Molière no papel de César en
La muerte de Pompeo, por Nicolas Mignard (1658).
Nun día como o de hoxe no que celebramos o Entroido no instituto, vénnos á memoria un autor teatral francés universalmente coñecido: Molière.
É raro que recomendemos pezas teatrais pero neste tempo de “Don Carnal”, non deixamos pasar a oportunidade de recomendarvos calquera obra deste xenial escritor, autor de farsas e comedias nas que loitaba contra as hipocrisías do seu tempo mediante unha retranca moi fina: o eterno Entroido do ser humano.

Na biblio temos unha das súas mellores obras: O enfermo imaxinario.

Pero se o que vos chama é iso da loita entre "Don Carnal e Dona Coresma", non tedes máis que ir a o capítulo dedicado a tales personaxes no Libro de Buen Amor do Arcipreste de Hita, para aprender que é iso das Carnestolendas… Alguén se atreve?? Deses temos uns cantos exemplares.

mércores, 15 de febreiro de 2012

Como facer máscaras e caretas de entroido

Xa o temos case enriba.
Por si alguén aínda non ten claro o seu disfrace, o equipo de Normalización facilítanos o traballo: tomade nota destas instrucións para fabricar ata 25 modelos.

 

luns, 13 de febreiro de 2012

CONCURSO DE COPLAS DE ENTROIDO



O IES de Ponteceso organiza un concurso de disfraces e coplas de entroido. Os participantes deberán compoñer unha copla que faga referencia ao disfraz que leven. Haberá categorías individual e de grupo. Se queredes participar tedes que anotarvos en vicedirección. Da vosa participación depende o éxito do concurso.
Ánimo e ... a facernos rir!!!

xoves, 9 de febreiro de 2012

“Xogoblog” dobre Dickens


Continuamos con esta rolda de “xogoblogs”, esta vez dedicado a Dickens.
Tedes  que achegarvos á biblio para botarlle unha ollada á pequena exposición sobre o célebre autor británico.

Trátase de emparellar aos heroes e viláns coas correspondentes portadas de onde proceden os personaxes.
Podedes facelo a man (as "chuletas" están na páxina de RECURSOS á dereita do blog) ou con este XOGO
Seredes quen de facelo???
Enviade as vosas respostas ao correo de contacto. 
Os máis rápidos levan premio!!!

martes, 7 de febreiro de 2012

Happy 200th Birthday, Mr. Dickens!


Posiblemente Charles Dickens sexa o autor en lingua inglesa máis lido despois de Shakespeare. O seu éxito radicou en ser algo así como un dos creadores da novela social na que plasmar con todo realismo unha sociedade tremendamente clasista e na que, entre outras cousas, os nenos eran tratados sen piedade. Alguén dixo del que era a “conciencia victoriana

O Departamento de Inglés do noso instituto máis a nosa biblioteca  súmanse a esta celebración con exposicións, xogos, proxeccións de vídeos…
Aquí deixámosvos un vídeo realizado pola BBC que nos presenta a vida do famoso autor dun xeito moi ameno e que , quizais nos axude a comprender o porqué da temática das súas obras.




Na biblio temos:


domingo, 5 de febreiro de 2012

A segunda Gioconda


Estes días saíu unha nova en todos os periódicos sobre a aparición dunha  copia da Gioconda feita por un dos discípulos de Leonardo da Vinci.
O que nos chama poderosamente a atención é que a copia, que leva no Museo do Prado toda a vida,  e despois da minuciosa restauración feita no propio museo, ten unha calidade extraordinaria, tanto é así que parece moito máis fermosa que a peza orixinal.
E vós, que pensades?

xoves, 2 de febreiro de 2012

Si que che gusta ler ( pero se cadra non o sabes)



Queres gañar un "e-reader"?
Pois esta simpática campaña de fomento de lectura do Ministerio de Educación ofréceche a oportunidade.
Só tes que decidirte por unha destas dúas opcións ( pica no recadro que máis che guste), segue as instrucións… e SORTE!!

mércores, 1 de febreiro de 2012

La fórmula preferida del profesor


Yoko Ogawa é unha escritora xaponesa á que lle gusta traballar os aspectos máis sutís da psicoloxía humana e nesta deliciosa novela coa que a autora adquiriu fama internacional consígueo de cheo. Tanto é así que Uxía, alumna de bacharelato, recoméndanos o libro  con esta pequena crítica.

Como te sentirías se a túa memoria só retivese os últimos oitenta minutos da túa vida? Como te sentirías se cada hora comezaras unha nova existencia? Como poderías sobrevivir se para lembrar o que fixeches a hora do almorzo tiveras que levar o corpo cheo de anotacións? Pois iso é o que lle pasa ó protagonista desta optimista novela. A historia pode parecer a priori de ciencia ficción pero segundo afondas nas súas páxinas descobres que con amor sempre hai esperanza. Merece a pena lela, quizais non sexa unha historia tan surrealista, tal vez non estea tan lonxe do que lle pasa a milleiros de persoas en España que sofren alzheimer.