Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

martes, 29 de maio de 2012

Graduación no instituto

Non podemos deixar de “colgar” neste espazo o simpático vídeo protagonizado polos alumnos de 2º de Bacharelato do noso centro e o emotivo discurso de Luis Giadás lido pola nosa xefa de estudos, Eva. Respírase compañeirismo, esforzo e alegría. Ánimo a todos que xa falta menos para achegarvos aos vosos soños.


domingo, 27 de maio de 2012

Novidades de maio

Presentámosvos  hoxe SÓ algunhas das novidades de maio coas que contamos na biblioteca: LIBROS, PELÍCULAS e MÚSICA para gozar …

Novidades de maio en Biblioaponte on PhotoPeach

xoves, 24 de maio de 2012

Fin da feira

Hoxe dimos por finalizada a feira de libros en beneficio de BUBISHER – Escritores polo Sahara. Non temos aínda cifras oficiais, pero estimamos que recadamos da orde de 130 € só coa venda dos libros que tan desinteresadamente foron doados por profesorado e alumnado. Mañá venres remataremos tamén coa venda das camisetas, marcapáxinas e chapas que nos pasou a propia ONG para o fermoso proxecto que consiste en levarlle libros aos nenos dos distintos campamentos Saharauís, en definitiva levarlles o maior dos sorrisos.
Dende a biblioteca queremos darvos as grazas pola vosa participación e polo voso interese neste proxecto, como en todo o que este ano estamos facendo. É unha ledicia traballar así.
Unha pequeniña reportaxe fotográfica para ilustralo:

Remata a feira de libros on PhotoPeach

mércores, 23 de maio de 2012

Novas de arte e literatura




Como o que nos gusta  facer non é máis que fomentar a lectura e a cultura en todos os seus ámbitos, acabamos de “plantar” un ‘widget’ ou ‘gadget’ neste blog  ( esas pequenas aplicacións que temos na parte dereita)  para tervos máis informados, se cabe, de todo o que acontece polos lares da cultura internacional.  Mola non?  Podémoslle cambiar a aparencia se non vos gusta esta, así que non vos cortedes en mandar as vosas suxestións.  

luns, 21 de maio de 2012

Premios do Maratón


Xa temos premios e flamantes premiados  nesta edición do Maratón Cultural do instituto.
Como boa competición, estivo a cousa disputada ata o final pero aquí temos os gañadores:

1º Premio:   DANDELION con 49’5 puntos
2º Premio:  LANGARANGALOS con 48’5 puntos
3º Premio:  BUTTERFLY con 48’25 puntos
Parabéns a todos os participantes que fixestes  que a biblioteca fervera nestas últimas semanas. Preparádevos para a próxima edición e moitas grazas por toda a ilusión que puxestes no concurso.

Os gañadores recibiredes os vosos premios nun  evento especial que estamos preparando para finais de curso. 
NORABOA !!!!!

xoves, 17 de maio de 2012

50 Anos de Letras


Celebramos hoxe  o día grande das nosas letras cunha fermosa exposición en recordo a todas as figuras homenaxeadas neste día  e en particular ao galeguista VALENTÍN PAZ ANDRADE ao que se lle reserva un recuncho especial na entrada do noso instituto.  A nosa noraboa aos alumnos de 1º de BAC e 3º da ESO pola magnífica recompilación de autores e obras que podedes ver no corredor principal e non deixedes de ler esta escolma de textos de todos eles que vos presentamos ou de visitar  a páxina de Normalización na que atoparedes moreas de reportaxes e recursos sobre Paz Andrade.
Feliz día e felices letras!


martes, 15 de maio de 2012

Boletín X&Q do mes de maio

A biblioteca volve sacar boletín: O X&Q do mes de maio no que atoparedes novas da cultura, actividades levadas a cabo no centro e recomendacións da biblioteca... Esperamos que vos guste.


luns, 14 de maio de 2012

FESTILETRAS 2012


Singular é aquilo que é diferente a todos os outros da súa especie. Singular é Ponteceso e máis singular é O Couto. E O Couto é singular porque, entre outras singularidades destacables, organiza e difunde o FESTILETRAS. Difícil atopar un evento para a cultura galega semellante baixo a responsabilidade dos veciños dunha aldea irreductible. Tan irreductible que a aldea vén batallando 30 anos na teima esa de difundir os valores da cultura galega como ferramenta de identificación de noso.
                Coa trixésima edición do evento consolídase unha das progamacións senlleiras do panorama cultural galego. Así as cousas, imos poder gozar da música de xente familiar para nós como Xurxo Souto ou os aclamados Kepa Junquera e Joan Garriga, deleitarnos coas virguerías ilusionistas do Mago Antón, a animación verbal de Quico Cadaval ou Cándido Pazó, a homenaxe a escritores case tan partícipes da actividade da Asociación como os mesmos veciños (Xelucho Abella, Xabier Docampo, Miguel Mato, …), o humor das Cantareiras de Ardebullo ou o encontro con escritores da traxectoria dun Neira Vilas ou Fran Alonso.
                Sen entrar no pormenor de todas e cada unha das múltiples actividades, sabede que o mércores de mañá encetarase a programación que non ha rematar até o domingo á tardiña. Convén non distanciarse moito de toda esta variedade porque é posible que atopedes aquilo que vos interesa. Ide á guía para o comprobar: hai de todo e para todos con moita calidade, para aprender ou para desfrutar.

venres, 11 de maio de 2012

O primeiro libro impreso do mundo


O Sutra do Diamante é o primeiro libro impreso no mundo do que se ten noticia. Trátase dun breve traballo no que se recolle o frontispicio do   Vajracchedika Sutra hindú, algo así como un tratado sobre a perfección da sabiduría.  Atopouse nunha cova en China a principios do século XX  e está datado o 11 de maio de 868.  O método de impresión foi mediante bloques de madeira gravados e aínda que moito cambiaron as cousas , por sorte, 1244 anos despois, seguimos a ler.

xoves, 10 de maio de 2012

"Glogster" sobre Ollos de Auga de Domingo Villar

O grupo dos medianos do club de lectura vén de realizar un pequeno traballo sobre o último libro lido : Ollos de Auga de Domingo Villar. Fixeron un Glogster, que é algo así como un póster dixital. A ver se vos gusta.
Se o queredes ver enteiro clicade AQUÍ

mércores, 9 de maio de 2012

Día de Europa

Ninguén se preguntou que facían tantas bandeiras no corredor?
 Poi hoxe celebramos o DÍA de EUROPA.

Non sabemos se , coa que está caendo, hai realmente moito que celebrar tal día como hoxe, pero non está de máis ter un pouco de información  do que representa ser parte dos 27 países que conforman esta especial comunidade que naceu un 9 de maio.

luns, 7 de maio de 2012

Preguntas da 4ª Semana

E xa chegamos ao remate do concurso. Estas son as preguntas para a última semana do Maratón Cultural.
Moito ánimo!!!!


mércores, 2 de maio de 2012

Convocatorias de premios no instituto.

Lembrade que o venres día 4 deste mes finaliza o prazo para entregar os vosos traballos literarios nas seguintes convocatorias: V Premio de poesía Eduardo Pondal para alumnos de secundaria da comarca de Bergantiños e o V Certame de creación literaria do IES de Ponteceso nas modalidades de Poesía e Relato Curto.
Recordámosvos as bases cos seguintes documentos:
 Xa non queda nada!!!