Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

luns, 30 de abril de 2012

Preguntas da 3ª Semana

Aquí tendes as preguntas para a 3ª semana deste emocionante Maratón Cultural. Xa sabemos que estamos de ponte, pero podedes ir facendo as preguntas de Internet dende a casa , que vos parece?
Ánimo que xa queda pouco...

domingo, 29 de abril de 2012

Lecturas no Día do Libro


Outra das actividades realizadas no Día do Libro foi esta pequena escolma de textos seleccionados principalmente por alumnos de 3º de ESO e lidos na biblioteca no recreo.


Lecturas no Día do Libro on PhotoPeach

mércores, 25 de abril de 2012

Actividades no DÍA DO LIBRO

Publicamos hoxe unha simpática reportaxe dalgunhas das actividades celebradas antonte no instituto, falamos da feira de libros e das exposicións de  textos ilustrados, “Instant Books” e de “pop-ups" que se atopan na biblioteca:  Non deixedes de visitalas.

Dende a biblioteca queremos dar as grazas a toda a comunidade escolar pola tremenda acollida desta II Feira de Libros de Ocasión,  grazas polas vosas achegas e polas vosas compras, pero sobre todo grazas por alimentar a certeza de que...
os libros aínda son amados.


luns, 23 de abril de 2012

DÍA DO LIBRO

 “ El que lee mucho y anda mucho, ve mucho y sabe mucho”. Miguel de Cervantes Saavedra

Xa chegou o día grande das letras , O DÍA DO LIBRO,  ao noso instituto e como sabedes, temos unha morea de actividades para estes días.

Seguindo os consellos de tan excelso autor,  recibímosvos cunha feira de libros de ocasión, unha exhibición de textos ilustrados, unha exposición de “Instant Books” e “Pop-ups” e unha rolda de lecturas na biblioteca. Por suposto, non vos esquezades do Maratón Cultural que publica hoxe as preguntas da 2ª Semana
Os cartos recadados coa venda de libros da nosa feira irán a parar a mans dunha ONG chamada BUBISHER (significa o paxaro que trae a boa sorte)  que se ocupa de levarlle libros a todos os nenos dos campamentos saharauís a través dun bibliobús, pero ademáis agora xa teñen construída unha biblioteca fixa nun dos campamentos, en Smara, na que dentro de pouco  poderán tamén gozar da lectura grazas a solidariedade de centos de persoas coma vós.
 Non vos explicamos máis, preferimos que vexades  este vídeo no que os receptores deste tesouro nolo contan en primeira persoa.

domingo, 22 de abril de 2012

Día da Terra

Queríamos facer hoxe unha pequena e sentida homenaxe a nosa pequena “canica azul”: 
O planeta Terra
Celébrase en moitas partes do  mundo o Día da Terra dende o ano 1970 para remover conciencias e recordarnos os terribles problemas cos que estamos enchendo este pequeno anaco do noso universo: A falta de auga, a superpoboación , a contaminación en todas as súas formas, o quentamento global , etc están poñendo en serio perigo a nosa forma de vida.
Un visionario, o xefe Indio Seattle da tribu Suwamish escríbelle unha carta ao presidente dos EEUU en 1855 en resposta a súa intención  de mercarlle as terras ás que esta tribu está tremendamente unida. En moitos ámbitos ecoloxistas esta é “a declaración máis fermosa e profunda que endexamais se fixera sobre o medio ambiente”:

venres, 20 de abril de 2012

Bram Stoker


Supoñemos que a moitos de vós o nome de BramStoker déixavos como estabades pero se digo: "Drácula”, seguro que o conto cambia.  Pois si, hoxe queriamos falar deste escritor irlandés, autor dunha das novelas máis lidas no mundo enteiro e que morreu tal día como hoxe do ano 1912, días despois de afundir o Titanic  (supoñemos que pouco se falaría da súa morte nos seus tempos) así que como nesta biblio somos así de raros, gústanos falar de libros e os seus autores , entre outras cousas, e decatámonos de que temos exemplares de tan famoso conto na lingua de Pondal, na de Cervantes e na de Shakespeare … entón, agora que se achega o Día do Libro, que non é nada máis e nada menos que a maior festa da palabra a nivel mundial, por que non gozar dunha obra única  nalgunha destas linguas?





mércores, 18 de abril de 2012

martes, 17 de abril de 2012

Hilda recoméndanos...


Tonecho de Rebordechao de Breogán Rivero.

O relato transcorre na tranquila aldea de Rebordechao.
Tonecho é o único neno que vive alí. Orfo de pai e nai, foi vivir á aldea cos avós. Anda sempre acompañado do can (Lagrán). Vai a escola unitaria e ten un amigo, Kevin. Os dous andan medio namorados da mestra ( Sabela).
Un día lle prohiben achegarse a casa dos carros a cambio dunha consola pero Tonecho incumple a súa promesa e acaba pescudando  que alí vivía o Home do Unto, un asasino.
Unha tarde, xunto co Lagrán, vai `pasear polo bosque. Ía comendo o bocadillo e atopouse cunha loba. O bocata cáelle enriba dunhas setas que resultan ser velenosas. Cando marcha a loba segue comendo o bocadillo e intoxícase. Nas alucinacións que ten pasa moito medo ata que esperta no hospital e …
"Pareceume un libro moi entretido e ademais moi fácil de ler. Son como historias cotiás contadas a modo de aventura, unhas veces intrigantes e outras veces graciosas. A través das vivencias dun neno podemos ver como é a vida dun pequeno grupo de xente: os costumes, as relacións cos veciños, as crenzas …   É todo como moi real, incluso as fantasías de Tonecho poden ser as de calquera neno dunha aldea calquera".

Hilda Romero Velo 1º A de ESO
Grazas Hilda por esta fabulosa recensión!!!

luns, 16 de abril de 2012

Maratón Cultural: Preguntas Semana 1

Aquí tedes as preguntas para a primeira semana.
Sorte!!!!


Recordando a Charlie Chaplin


Un 16 de abril de 1889 nace Charles Chaplin , actor, escritor, produtor e compositor británico famoso polas súas películas de cine mudo encarnando ao tenro Charlot. Foi gañador de dous Oscars honoríficos e mesmo  foi candidato ao premio Nobel da paz.

"Ollada de cerca , a vida parece unha traxedia. Ollada de lonxe parece unha comedia. Nunca te esquezas  de sorrir porque o dia no que non o fagas será un día perdido…"



Temos na biblio unha magnífica biografía da editorial Taschen : Chaplin e tamén podedes gozar, como non dunha das súas mellores películas: Tiempos Modernos.




domingo, 15 de abril de 2012

Semana Cultural: Remate final.


Todo o bo ten que acabar algún día e as actividades da última xornada non desmereceron en absoluto ás dos días anteriores:
No apartado de charlas contamos coa participación do laureado escritor coruñés Luis Rei Núñez que veu presentar a súa última novela  Cita en Fisterra ( podédela atopar na biblioteca) e a falar da situación do galego na actualidade.

A ONG Implicadas no Desenvolvemento falounos do seu labor a prol da erradicación da pobreza e a favor de mellorar as condicións das mulleres nese ámbito.

Tamén contamos con ilustrativas conferencias como a da Cámara de Comercio, a do Ciclo Superior de Produtos Electrónicos ou a que versou sobre o acoso escolar, impartida pola Garda Civil.
Continuaron os obradoiros de libros, fieltro , carteiras e reloxos e realizouse un novedoso sobre as Matemáticas Máxicas.


O último concerto desta semana cultural foi ofrecido pola cantante ucraína Diana Gusak , que xunto Omelyan Grabes forman o Dúo Roxolana. Impresionante voz a de Diana que pouco a pouco meteuse  ao público no bolsillo.

xoves, 12 de abril de 2012

Semana Cultural: Día 3

Xa imos collendo a recta final desta magnífica semana cultural e cada día máis sorprendidos da calidade e orixinalidade  das actividades.

No apartado de conferencias puidemos gozar hoxe dunha instrutiva charla a cargo do Lama VEN. GUESHE TENZIN TAMDING ,  doutor en Filosofía Budista que veu falar da súa formación e pensamento.
Outra sorpresa consistiu na animada experiencia que compartiu connosco a actriz e presentadora ISABEL RISCO, quen tamén nos falou dos seus comezos no mundo do teatro e como chegou ata a televisión de Galicia onde é moi recoñecida.
Moi útiles, sen dúbida, foron tamén as charlas ofrecidas por antigos alumnos do centro que son hoxe en día grandes profesionais nos campos da arquitectura, traballo social, historia, socioloxía, INEF ou da tradución.
En canto aos obradoiros, hoxe gozamos dun de son e gravación de maquetas, outro de fabricación de carteiras e libros, outro de músicas do mundo e , por último un de cociña en inglés que fixo que o corredor principal do instituto ulira a “cookies” e “Brownies” .
Deixámosvos aquí a reportaxe fotográfica na que como podedes ver rapaces e rapazas traballaron e gozaron por igual.  Como os “brownies”  do microondas tiveron tanto éxito, pedíronnos que deixáramos aquí  e tamén no blog de INGLÉS a receita. Así que si a facedes na casa esperamos que vos aproveite.
Ata mañá.



Aquí tedes a receita para os "BOWNIES DE MICROONDAS"/"MICROWAVE BROWNIES"





mércores, 11 de abril de 2012

Semana Cultural: Día 2


María Arochena cos Goyas

Outro apaixonante día cheo de actividades no instituto.

 O prato forte veu da man de María Arochena,  productora do filme “Arrugas” do que xa falamos neste blog cando lles concederon dous Goyas  polo mellor guión adaptado e mellor película de animación. Temos que recordar que María pertence a unha productora “Perro Verde Films” que está ubicada na Coruña e que veu moi ben acompañada dos dous "señores Goyas" para deleite de todos os asistentes á charla.

Mº José Santé
Moito éxito tivo tamén a charla sobre nutrición que nos ofreceu Mª José M. Santé, profesora de Bioloxía do IES Parga Pondal de Carballo e editora dunha revista e blog: “Rotativa Saudable” na que se abordan estes temas tan preocupantes para a sociedade de hoxe en día.


Realizouse tamén un concerto de batería e guitarra na biblioteca a cargo de alumnos do centro e seguimos hoxe cos  obradoiros de fieltro e o de reloxos no taller de tecnoloxía, máis cine árabe , un obradoiro de pilates e por último unha actividade que consistiu na representación dalgunhas das máis coñecidas fábulas de Esopo, en inglés, ante os cativos do CRA de Ponteceso que nos visitaban hoxe na  xornada de portas abertas.
Aquí tedes a reportaxe fotográfica do último evento.

Aesop's Fables on PhotoPeach

martes, 10 de abril de 2012

Semana Cultural: Día 1



Hoxe arrancou a XII Semana Cultural cun cartel de luxo: Tivemos a honra de recibir ao científico galego de máis renome internacional: Ángel Carracedo, que falou das aplicacións forenses da  xenómica  a un público de 1º e 2º de Bac. totalmente entregado ante as súas magníficas explicacións  e, por outra banda a dous dos integrantes da banda Berrogüetto, Xabier Díaz e Guillerme Fernández que ofreceron un concerto versionando cancións doutros grupos galegos, algo de “Bossa Nova” e outros temas de cantautores como Víctor Manuel ou Pablo Milanés, aparte dos seus propios temas.

Non esquezamos a charla da policía sobre os riscos de Internet, a visita das redeiras de Malpica e os magníficos obradoiros de tecnoloxía, fieltro,  habilidades sociais, yoga e taichí impartidos por diversos profesores.

Mañá maís…

luns, 9 de abril de 2012

XII SEMANA CULTURAL


Xa chegou a semana grande do instituto: conferencias, concertos, obradoiros, representacións teatrais, xornadas de portas abertas … cultura a esgallo.
A partir de mañá no IES de Ponteceso abrímonos ao mundo!!!
Se queres consultar  os horarios de actividades por cursos CLICA AQUÍ, e se queres ter toda a información  do que se está argallando no centro visita a páxina web do instituto AQUÍ.
Nós daremos puntual información do que se está a facer, recordade que a biblioteca será estes días unha sala de actividades máis, así que non poderemos atendervos con normalidade, pero o luns 16 estaremos de volta coma sempre e daremos comezo ao II MARATÓN CULTURAL.
Que vos aproveite.

xoves, 5 de abril de 2012

As mellores películas sobre educación

Por se aínda queda algún profe (tamén vale alumnado) despistado por estes lares que ten gañas de que lle recarguen un pouco as pilas, deixamos aquí un vídeo que recolle unhas cantas escenas de películas clásicas sobre a educación.
Para reflexionar…

Grazas a Ángel Acción do IES Blanco Amor por pasar este vídeo.

martes, 3 de abril de 2012

O home que plantaba árbores



Sentímonos terriblemente aflixidos polos lumes dos últimos días en Galicia e por se estas palabras serviran de algo deixamos  aquí unha recomendación da biblioteca que vén sendo como unha chamada da natureza á xenerosidade do ser humano co seu entorno: O home que plantaba árbores, pequeno conto do autor francés Jean Giono que intenta transmitirnos unha serie de valores que teríamos que recuperar a toda costa nesta sociedade tola que nos tocou vivir.

Para gozar deste sentimento de harmonía coa  natureza, deixámosvos aquí unha marabillosa peza musical de Brahms – a sinfonía nº 3- ilustrada con fermosas paisaxes e como homenaxe tamén  ao pianista  alemán que morría tal día coma hoxe hai xustamente  115 anos.

luns, 2 de abril de 2012

Día do Libro Infantil



Dende a Biblioteca de Ponteceso, aínda que como  é evidente estamos de vacacións, facemos unha chamada aos pais para que non deixen de levar aos nenos ás bibliotecas tamén nestas épocas de lecer. Hoxe en todas as bibliotecas públicas de Galicia lerase  un  manifesto escrito para esta ocasión por Francisco Hinojosa  co título Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro e levaranse a cabo moitas actividades moi proveitosas para os máis cativos.

Non deixedes pasar a ocasión de visitar unha biblioteca, tamén nestes días..