Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

luns, 30 de xaneiro de 2012

Día escolar da PAZ e a Non-violencia


Curiosamente celebramos o Día da Paz o día no  que se realizou un terrible asasinato: o do líder indio Mohandas Karamchand Gandhi, máis coñecido como “Mahatma” que quere dicir “gran alma”.
Conmemoramos a súa morte porque  Gandhi é o símbolo mundial da non- violencia. No seu paso pola política do seu país  introduciu a ética a través do exemplo, viviu na máis absoluta pobreza, xamáis lle concedeu prebenda algunha a familiares pola súa posición política, defendeu aos débiles e endexamáis levantou a súa voz a favor das armas, polo contrario,  favoreceu a resolución de conflitos de xeito pacífico.  E por iso morreu.
Gandhi
de F.W. Rawding


Me llamo...Gandhi da
 editoroial Parramón
Ademais dos libros que podedes encontrar na biblio deixamos aquí pegada da súa vida cun magnífico documental  biográfico, pero tamén vos ofrecemos un programa de actividades que podedes coñecer premendo no pequeno cartel que tedes á dereita co nome de DÍA DA PAZ.



domingo, 29 de xaneiro de 2012

“Xogoblog” pola paz

Inauguramos hoxe oficialmente o que será unha serie de xogos no noso blog que estarán baseados ou en exposicións elaboradas pola biblioteca , en xogos de palabras (como o das greguerías do 19 de xaneiro)  ou ben en  xogos de busca na rede. O obxectivo evidente é a implicación máxima do alumnado en todas as actividades fomentadas pola biblio, pero tamén que pasedes un bo rato e se ,de paso, aprendedes algo pois… máis que mellor.

Nesta ocasión presentamos un xogo  de preguntas que teredes que respostar visitando a exposición de “Libros pola Paz” que temos no corredor, ao carón da biblio.
Unha vez que teñades claras as respostas, mandádeas utilizando a pestana de “Contacto” que tendes na parte superior dereita do blog. Así de sinxelo.

Haberá agasallos para as 3 primeiras respostas correctas que cheguen ao noso correo.
Estas son as preguntas.

1-      En cantos idiomas está escrita a palabra PAZ  ?
2-      Hai unha obra escrita por unha autora nixeriana. Como se chama a novela e de que vai?
3-      De que cidade é Asmir, o rapaz que non quería Pistolas?
4-      Dáme 3 títulos de obras que falan da Guerra civil
5-      Hai un libro sobre un político moi famoso especialmente na 2ª Guerra Mundial. Como se chama?

venres, 27 de xaneiro de 2012

Mozart cumple anos

Xa hai moitos anos que Wolfgang Amadeus Mozart deixou de cumplir anos, evidentemente, pero é que o xenial músico austríaco nacía tal día como hoxe no ano 1756 e non podemos deixar de aproveitar esta data para lembrarvos que na biblioteca , na sección de CDs tendes unha magnífica colección de gravacións de diferentes obras deste irrepetible autor na colección “Masters Classics”.
Pero se o que vos gusta é saber un pouco máis da súa azarosa vida e misteriosa morte nada mellor que levar a casa algúns destes títulos que vos propoñemos:

Me llamo…Mozart da editorial Parramon

Mozart y su época de Francesco Salvi

Ou Mozart, el pequeño gran músico da editorial El Rompecabezas.


Por último, un pequeno vídeo para gozar dunha das súas pezas máis coñecidas : Eine kleine Nachtmusik


xoves, 26 de xaneiro de 2012

I Concurso de Cartas de Amor


A biblioteca xunto co Departamento de Normalización Lingüística ven de organizar unha actividade de escritura para celebrar o Día dos Namorados, nada menos que un concurso de cartas de amor ou desamor dirixida a todo o alumnado que queira dese  xeito deixar voar os seus sentimentos...
Aquí  tedes as bases.

mércores, 25 de xaneiro de 2012

Lecturas pola Paz


Celebramos a paz cunha pequena guía de lecturas que nos falan da tolemia das guerras. As recomendacións están clasificadas por niveis, en galego e en castelán, pero lembrade que tendes moitos máis libros expostos no corredor.


luns, 23 de xaneiro de 2012

Salvador Dalí


Un 23 de xaneiro de 1989  morría un dos artistas españois máis significativos dentro do panorama mundial. Falamos de Salvador Dalí (1904-1989), pintor, escultor, escritor, e cineasta que foi, sen ningunha dúbida un dos persoeiros máis exhibicionistas e excéntricos do século XX.  

Presentamos aquí un marabilloso libro co que contamos na biblioteca co sinxelo  título de DALÍ  de  Robert Descharnes, amigo íntimo do pintor durante máis de 30 anos.  Nel atoparedes ao “infame surrealista” cheo de color e as súas imaxes máis provocativas .


Non vos perdades tampouco este  documental que versa sobre a vida e obras do xenial artista catalán: Dimensión Dalí.

xoves, 19 de xaneiro de 2012

Unha GREGUERÍA?




Foto cinematográfica
 Ramón Gómez de la Serna.
Ano 1923

Non, non é unha palabrota aínda que o pareza, é unha especie de xogo de palabras que inventou un escritor  e periodista chamado  Ramón Gómez de la Serna (Madrid 1888- Bos Aires, Arxentina 1963). Don Ramón inventou unha forma de describir as cousas que el mesmo describiu como “metáfora+humor”: Foi  periodista, escritor vangardista e moitas máis “istas” mais  se picades no debuxo da esquerda entraredes no
 máxico mundo das greguerías.



Seriades quen de completar as seguintes greguerías?

La gallina está cansada de denunciar en la comisaría que le roban los ............
Lo peor del loro es que quiere hablar.....................
Cuando el armario está abierto parece que la casa  ...................
La primavera, como los niños, empieza siendo rubia y acaba siendo.................
El escritor quiere escribir su mentira y escribe su ....................


Mandade as vosas contestacións á páxina  de contacto da biblio  (debaixo da foto de BIBLIOAPONTE, á dereita).
As tres primeiras persoas que acerten terán un pequeno agasallo na biblioteca.
Animádesvos?  

mércores, 18 de xaneiro de 2012

O Clan do oso cavernario


Esta é a recomendación lectora de Alda de 1º de Bac. A que nos presenta un libro ao que pronto lle daremos boa compaña, pois estamos pensando en mercar a saga enteira de "Los hijos de la Tierra" á que pertence este 1º libro do que nos fala esta alumna.
Ayla é unha nena Cro-Magnon de 5 anos que queda soa no mundo tras o terremoto que fixo perecer a toda a súa tribo. Tras o suceso, vese obrigada a vagar soa, inexperta e indefensa polos bosques na procura de alguén que a recolla e lle dea acubillo. Durante a súa procura, vese exposta a moitos perigos como as zarpas dun gran león cavernario, a deshidratación e inanición prolongadas. A piques xa de morrer, un grupo de Neanderthais atópaa e adóptana. Iza, a curandeira faise cargo dela como se fose unha filla do seu propio seo, coidándoa con agarimo e traspasándolle todos os seus coñecementos. Mog-ur, o mago e irmán de Iza, ve nela unha das marcas máis poderosas dos espíritos do Clan ademais dunha desenvoltura e axilidade mental sorprendentes. Mais o resto do grupo non e capaz de ver máis aló da súa estraña aparencia. As súas calidades, como a capacidade para falar de forma ben articulada e fluída ou a súa axilidade física, resultan tan diferentes e extraordinarias para O Clan que nunca acabaran de aceptala plenamente como unha máis.
Recomendo este marabilloso libro que vos fará pasar a moitos de vós un agradable anaco(longo, pois o libro dá para rato) na compaña de Ayla, a cal lle colleredes moi pronto un especial afecto.

martes, 17 de xaneiro de 2012

10 anos sen Cela


Hoxe fanse  dez anos dende que finou o noso último premio Nobel de Literatura, Camilo José Cela (Padrón, 11 de maio de 1916 – Madrid, 17 de xaneiro de 2002).  Este autor galego ten a honra de ter a novela máis traducida despois do Quixote: La familia de Pascual Duarte, pero   tamén a el se lle debe  unha das mellores novelas do século XX: La Colmena, obra que describe maxistralmente unha sociedade nun Madrid nos primeiros anos do franquismo inmersa no medo e a amargura propia da época.
 Como personaxe foi decididamente polémico e provocador, cínico e  mediático, nos últimos tempos ata se dubida da autoría dalgúns do seus textos pero queda para a historia unha pluma de indubidable calidade e forza narrativa especialmente nos seus primeiros textos.
Deixamos aquí unha parte dunha interesantísima entrevista que se lle fixo a dous premios Nobel  de tan diferente talante como son o portugués José Saramago e a Camilo J. Cela no ano 1999. Unha xoia.


domingo, 15 de xaneiro de 2012

GalApps: Toda a lingua no teu peto.


Juan Porta, Sabela Barreiro e Xurxo Méndez, autores das GalApps para Android. César Quian

Acaba de nacer unha nova aplicación para Android que consiste nun conxugador de verbos en galego, un dicionario e un tradutor, todo “made in Galicia” por uns xoves enxeñeiros informáticos que traballan na Universidade da Coruña e unha deseñadora  gráfica  licenciada en Belas Artes. Quen dixo que non hai emprendedores na terra?

venres, 13 de xaneiro de 2012

A T.I.A. de Ibáñez



Supoñemos que o debuxante Francisco Ibáñez ten ou tivo tías pero esta T.I.A. da que falamos é a axencia de “intelixencia”  á que pertencen  Mortadelo e Filemón. Vaivos soando o conto? Pois se hoxe falamos deste marabilloso artista é porque hai dous días que sacou un novo proxecto no que se rescatan as súas historias preferidas  en 60 volumes. Como nesta humilde biblioteca non temos presuposto para tanto, ocorréusenos darlle publicidade aos 25 títulos que temos deste magnífico debuxante.  Podedes consultar o catálogo AQUÍ.

Non deixedes tampouco de visitar a páxina web  de Mortadelo e Filemón
 Está chulísima !!!

mércores, 11 de xaneiro de 2012

Todo un mundo de ilusións

Este artigo non ten nada que ver cos Reis Magos dos que falamos onte pero si sobre a maxia do cerebro e a súa  forma de percibir os obxectos. Picade na foto de abaixo e entraredes nunha páxina web : El Mundo de la Ilusiones para vivir no mundo das ilusións ópticas... e tolear un pouquiño.
Mirade a imaxe durante un anaco. Que vedes?

Na biblio podedes atopar 
 Ilusiones ópticas. Las imágenes engañosas más espectaculares . ¡Verlo para creerlo! 
 Editorial Parragon

martes, 10 de xaneiro de 2012

Novidades de Reis


Os Reis Magos tamén chegaron á biblioteca do IES, neste caso cumprindo coas  peticións máis repetidas  que  nos atopamos na CAIXA DE SUXESTIÓNS DE COMPRA.


A estrela das suxestións foi :

Guinness World Records 2012







Seguido das novelas de Charlein Harris da serie True Blood: El club de los muertos, Muerto para el mundo e Vivir y morir en Dallas.


Tampouco podía faltar outra das novelas máis solicitadas : Los pilares de la tierra, de Ken Follet.

E  para non deixar a ninguén sen petición cumprida, conseguíronnos tamén dous exemplares da  famosa Novela de ajedrez, de Stefan Zweig.

O dito, son  todo un luxo, estes Reis …

sábado, 7 de xaneiro de 2012

Tiching, nova rede educativa


Presentámosvos TICHING, unha nova rede educativa global na que se poden atopar todo tipo de contidos educativos, compartir información ou contactar con outras persoas  dentro das diversas comunidades educativas. Tiching vai dirixido  non só ao profesorado, senón tamén ao alumnado, aos pais e nais e mesmo aos pedagogos de calquera centro e nivel educativo.
Para explorar os seus contidos pincha AQUÍ
Para ver o seu Blog pincha AQUÍ

xoves, 5 de xaneiro de 2012

Morre o intelectual Isaac Díaz Pardo

Hoxe tivo lugar o pasamento dun dos intelectuais máis queridos e recoñecidos en Galicia: Isaac Díaz Pardo. O artista naceu en Compostela no ano 1920, fillo do tamén pintor Camilo Díaz Baliño que morreu fusilado nos albores da Guerra Civil polo que tivo que agocharse sendo moi novo. Anos máis tarde conseguiría cursar estudos de arte e máis ser profesor na Escola Superior de Belas Artes de Barcelona. Para o gran público é sumamente coñecido como o fundador da fábrica de Cerámicas do Castro ( en que fogar galego non hai unha peza de Sargadelos?) pero tamén puxo en marcha o museo Carlos Maside ou a editorial “Edicións do Castro”.
Como escritor de ensaio e crítica, destacan Xente do meu Rueiro, O ángulo de pedra, Galicia Hoy (xunto con Luís Seoane), Paco Pixiñas (con Celso Emilio Ferreiro), El Marqués de Sargadelos, Castelao, etc, ademais dunha morea de artigos en xornais.