Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

xoves, 29 de setembro de 2011

Música para os recordos

Este sábado 1 de outubro a UNESCO conmemora "World day of Young Music".
Pola outra banda, hai poucos días, o 21 de setembro, celebrouse o "Día Mundial do Alzheimer", enfermidade que vai borrando os recordos das persoas... Ademais, cómpre engadir que este ano 2011 estase a adicar ó "Ano da investigación no Alzheimer".

O documental As voces da memoria axunta estes dous temas tan especiais. Emitido pola 2 de televisión, a cargo do prestixioso programa Documentos TV, trata do poder curativo da música en persoas que sufren a enfermidade e narra as actividades musicais que realizan, entre elas a práctica do canto nun coro. Fermoso e conmovedor, sen dúbida algunha, paga moito a pena velo.


xoves, 22 de setembro de 2011

UN SOL DE LIBROS




Nos soles colocados estratexicamente no corredor que da entrada á biblioteca e na entrada principal do centro invitámosvos a compartir con nós os títulos dos libros que lestes no verán e que máis vos gustaron. Queremos así “abrir boca” neste curso que vai estar cheo de novidades e no que queremos a vosa inestimable axuda con pequenos detalles coma este. Entre os participantes faremos un SORTEO dun pequeno agasallo de benvida.

sábado, 17 de setembro de 2011

FOMENTO DA LECTURA: Unha boa e unha mala nova.

Para ir abrindo boca agora que comeza o curso.
Un pequeno consello para empezar a ler: non perdas tempo.

xoves, 15 de setembro de 2011

AS BIBLIOTECAS GALEGAS DESPIDEN A Mª DOLORES

Comezamos o curso con tristeza.

Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.

Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto! Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.

Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.

Cristina Novoa

Pilar Sampedro

Asesoría Bibliotecas Escolares

posanollocurtiscambre
jdoloresj
teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig


domingo, 11 de setembro de 2011

BENVIDOS e BENVIDAS AO NOVO CURSO, Á UNHA NOVA AVENTURA ARREDOR DOS LIBROS

Xa estamos aquí dispostos a pór en marcha unha nova aventura arredor dos libros e da cultura. Este ano temos pensadas moitas novidades pero para iso necesitamos a vosa inestimable axuda, tanto de profes como de alumnos.

Iniciamos anunciándovos que xa temos a nova Convocatoria de Clubs de Lectura para este curso 2011/12. Así que os profes nos temos que “poñer as pilas” e os rapaces xa podedes ir pensando nesta nova aventura que comeza este curso. Non vos defraudará.

Queremos así mesmo facer mención a unha compañeira recentemente falecida: Mª Dolores, responsable da biblioteca do IES Luis Seoane de Pontevedra, e incansable traballadora neste o noso pequeno planeta das bibliotecas. Descanse en paz.