Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

Amosando publicacións coa etiqueta recomendacións lectoras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recomendacións lectoras. Amosar todas as publicacións

domingo, 17 de xuño de 2012

Recomendación: 100 mitos de la ciencia


Recoméndannos este abraiante libro que temos na biblio na sección de divulgación científica (001).

Debemos saber distinguir moi ben entre ciencia e mito, xa que a maioría das afirmacións, como por exemplo, "nacen mais nenos en lúa chea", "só usamos o 10% do cerebro", "Mendel era mal estudante"..., son mitos. Un mito é tan só unha afirmación que resulta atractiva para a nosa mente sen ter ningún tipo de fundamento científico. Anímate!! le o libro os 100 mitos da ciencia e desta forma descubriras a orixe deles.
Ana Álvarez  1º A BAC.

domingo, 27 de maio de 2012

Novidades de maio

Presentámosvos  hoxe SÓ algunhas das novidades de maio coas que contamos na biblioteca: LIBROS, PELÍCULAS e MÚSICA para gozar …

Novidades de maio en Biblioaponte on PhotoPeach

venres, 20 de abril de 2012

Bram Stoker


Supoñemos que a moitos de vós o nome de BramStoker déixavos como estabades pero se digo: "Drácula”, seguro que o conto cambia.  Pois si, hoxe queriamos falar deste escritor irlandés, autor dunha das novelas máis lidas no mundo enteiro e que morreu tal día como hoxe do ano 1912, días despois de afundir o Titanic  (supoñemos que pouco se falaría da súa morte nos seus tempos) así que como nesta biblio somos así de raros, gústanos falar de libros e os seus autores , entre outras cousas, e decatámonos de que temos exemplares de tan famoso conto na lingua de Pondal, na de Cervantes e na de Shakespeare … entón, agora que se achega o Día do Libro, que non é nada máis e nada menos que a maior festa da palabra a nivel mundial, por que non gozar dunha obra única  nalgunha destas linguas?





martes, 17 de abril de 2012

Hilda recoméndanos...


Tonecho de Rebordechao de Breogán Rivero.

O relato transcorre na tranquila aldea de Rebordechao.
Tonecho é o único neno que vive alí. Orfo de pai e nai, foi vivir á aldea cos avós. Anda sempre acompañado do can (Lagrán). Vai a escola unitaria e ten un amigo, Kevin. Os dous andan medio namorados da mestra ( Sabela).
Un día lle prohiben achegarse a casa dos carros a cambio dunha consola pero Tonecho incumple a súa promesa e acaba pescudando  que alí vivía o Home do Unto, un asasino.
Unha tarde, xunto co Lagrán, vai `pasear polo bosque. Ía comendo o bocadillo e atopouse cunha loba. O bocata cáelle enriba dunhas setas que resultan ser velenosas. Cando marcha a loba segue comendo o bocadillo e intoxícase. Nas alucinacións que ten pasa moito medo ata que esperta no hospital e …
"Pareceume un libro moi entretido e ademais moi fácil de ler. Son como historias cotiás contadas a modo de aventura, unhas veces intrigantes e outras veces graciosas. A través das vivencias dun neno podemos ver como é a vida dun pequeno grupo de xente: os costumes, as relacións cos veciños, as crenzas …   É todo como moi real, incluso as fantasías de Tonecho poden ser as de calquera neno dunha aldea calquera".

Hilda Romero Velo 1º A de ESO
Grazas Hilda por esta fabulosa recensión!!!

martes, 3 de abril de 2012

O home que plantaba árbores



Sentímonos terriblemente aflixidos polos lumes dos últimos días en Galicia e por se estas palabras serviran de algo deixamos  aquí unha recomendación da biblioteca que vén sendo como unha chamada da natureza á xenerosidade do ser humano co seu entorno: O home que plantaba árbores, pequeno conto do autor francés Jean Giono que intenta transmitirnos unha serie de valores que teríamos que recuperar a toda costa nesta sociedade tola que nos tocou vivir.

Para gozar deste sentimento de harmonía coa  natureza, deixámosvos aquí unha marabillosa peza musical de Brahms – a sinfonía nº 3- ilustrada con fermosas paisaxes e como homenaxe tamén  ao pianista  alemán que morría tal día coma hoxe hai xustamente  115 anos.

luns, 26 de marzo de 2012

Antonio Tabucchi


Onte faleceu o escritor italiano Antonio Tabucchi, tradutor do poeta portugués Fernando Pessoa e escritor de famosas novelas como Sostiene Pereira, Nocturno hindú ou Réquiem.
Lusófilo empedernido, aprendeu portugués para ser quen de ler en versión orixinal ao poeta luso.

Deixámosvos aquí a portada dunha das súas novelas que temos na biblioteca e unha escena da famosa película protagonizada polo veterano actor italiano Marcelo Mastroiani e que narra os comezos da ditadura de Salazar cando tamén triunfaban os réximes totalitarios en toda Europa.

martes, 20 de marzo de 2012

Sir Isaac Newton

Tal día coma hoxe, segundo o calendario xuliano, no ano 1727 faleceu dun cólico nefrítico un dos máis grandes científicos da historia, Isaac Newton... 

A sempre enxeñosa Nieves Concostrina, na súa sección do programa de RNE "En días como hoy", comenta a importancia deste xenio e o seu curioso epitafio na Abadía de Westminster en Londres.
Recomendámosvos que escoitedes o podcast (facede clic na imaxe).


Na biblioteca podedes atopar na Sección de Divulgación (001) e na de Biografías (929)  libros moi interesantes que vos achegarán máis a súa figura.
A continuación amosámosvos algún deles:






domingo, 18 de marzo de 2012

GALDÓS: O realismo do século XXI.


Benito Pérez Galdós retratado por Sorolla.
Lendo o periódico o outro día encóntrome cunha entrevista á escritora Almudena Grandes e para a miña sorpresa o titular di “Galdós ha sido el escritor más importante de mi vida”. Non sei se será unha cuestión de anos o da educación que recibíamos na época pero para moitos dos profes tamén o foi , e entón decateime do pouco “promocionado” que o insigne autor está entre os máis novos.
De Galdós temos un bo feixe  das súas mellores obras na biblioteca, algunhas están no apartado de Narrativa (N) como lle corresponde, pero temos unha magnífica colección do autor, un pouco agochada quizais, na sección de Poligrafías e Coleccións (08) onde podedes atopar magníficas pezas como: Tristana, Doña Perfecta, Misericordia, Nazarín… e outras xoias de incalculable valor da novela realista do século XIX , argumentos que poderíamos facer nosos hoxe en día en moitos dos casos. Obras imperecedoiras ao fin e ao cabo.



xoves, 15 de marzo de 2012

O non aniversario de Mafalda

Resulta que onte día 14 non foi o aniversario dos 50 anos do nacemento de Mafalda... Varios medios de comunicación difundírono por mor dun malentendido que se explica na páxina oficial do seu creador Quino. 
Na seguinte imaxe tedes a explicación, se facedes clic nela, ides á páxina oficial de Quino.
Porén, non esquezades que as simpáticas viñetas protagonizadas por esta rapariga son sempre un fermoso agasallo para coidar do noso humor... Desfrutádeas!

 

mércores, 14 de marzo de 2012

Mafalda

Hoxe, Mafalda, a doce e irreverente  rapaza, celebra o seu  50.º aniversario. Sempre preocupada e consciente dos problemas mundiais, seguirá sendo un baluarte de compromiso e rebeldía ante ás inxustizas...

  
Na biblio podedes atopar varios tebeos entre eles..... 
Déjenme inventar
¡ A mi no me grite!
MAFALDA 5 (Tiras de Quino)

martes, 13 de marzo de 2012

Tíbet: Entre o esquecemento e a memoria


Ás veces esquecemos os fermosos libros que temos na biblioteca, e por iso sacamos hoxe un exemplar de luxo:  Tíbet:entre el olvido y la memoria de Tizziana y Gianni Baldizzone.
Temos diante de nós unha especie de álbum de fotos da alma dese país, pequenos textos que explican o significado da cultura e do pobo tibetano introducidos por citas que expoñen unha visión poética  pero tamén política da súa situación actual .
 É sobre todo unha homenaxe ao pobo tibetano e a paisaxe na que vive.

venres, 17 de febreiro de 2012

Molière e o Entroido


Molière no papel de César en
La muerte de Pompeo, por Nicolas Mignard (1658).
Nun día como o de hoxe no que celebramos o Entroido no instituto, vénnos á memoria un autor teatral francés universalmente coñecido: Molière.
É raro que recomendemos pezas teatrais pero neste tempo de “Don Carnal”, non deixamos pasar a oportunidade de recomendarvos calquera obra deste xenial escritor, autor de farsas e comedias nas que loitaba contra as hipocrisías do seu tempo mediante unha retranca moi fina: o eterno Entroido do ser humano.

Na biblio temos unha das súas mellores obras: O enfermo imaxinario.

Pero se o que vos chama é iso da loita entre "Don Carnal e Dona Coresma", non tedes máis que ir a o capítulo dedicado a tales personaxes no Libro de Buen Amor do Arcipreste de Hita, para aprender que é iso das Carnestolendas… Alguén se atreve?? Deses temos uns cantos exemplares.

mércores, 1 de febreiro de 2012

La fórmula preferida del profesor


Yoko Ogawa é unha escritora xaponesa á que lle gusta traballar os aspectos máis sutís da psicoloxía humana e nesta deliciosa novela coa que a autora adquiriu fama internacional consígueo de cheo. Tanto é así que Uxía, alumna de bacharelato, recoméndanos o libro  con esta pequena crítica.

Como te sentirías se a túa memoria só retivese os últimos oitenta minutos da túa vida? Como te sentirías se cada hora comezaras unha nova existencia? Como poderías sobrevivir se para lembrar o que fixeches a hora do almorzo tiveras que levar o corpo cheo de anotacións? Pois iso é o que lle pasa ó protagonista desta optimista novela. A historia pode parecer a priori de ciencia ficción pero segundo afondas nas súas páxinas descobres que con amor sempre hai esperanza. Merece a pena lela, quizais non sexa unha historia tan surrealista, tal vez non estea tan lonxe do que lle pasa a milleiros de persoas en España que sofren alzheimer.


luns, 30 de xaneiro de 2012

Día escolar da PAZ e a Non-violencia


Curiosamente celebramos o Día da Paz o día no  que se realizou un terrible asasinato: o do líder indio Mohandas Karamchand Gandhi, máis coñecido como “Mahatma” que quere dicir “gran alma”.
Conmemoramos a súa morte porque  Gandhi é o símbolo mundial da non- violencia. No seu paso pola política do seu país  introduciu a ética a través do exemplo, viviu na máis absoluta pobreza, xamáis lle concedeu prebenda algunha a familiares pola súa posición política, defendeu aos débiles e endexamáis levantou a súa voz a favor das armas, polo contrario,  favoreceu a resolución de conflitos de xeito pacífico.  E por iso morreu.
Gandhi
de F.W. Rawding


Me llamo...Gandhi da
 editoroial Parramón
Ademais dos libros que podedes encontrar na biblio deixamos aquí pegada da súa vida cun magnífico documental  biográfico, pero tamén vos ofrecemos un programa de actividades que podedes coñecer premendo no pequeno cartel que tedes á dereita co nome de DÍA DA PAZ.



mércores, 25 de xaneiro de 2012

Lecturas pola Paz


Celebramos a paz cunha pequena guía de lecturas que nos falan da tolemia das guerras. As recomendacións están clasificadas por niveis, en galego e en castelán, pero lembrade que tendes moitos máis libros expostos no corredor.


mércores, 18 de xaneiro de 2012

O Clan do oso cavernario


Esta é a recomendación lectora de Alda de 1º de Bac. A que nos presenta un libro ao que pronto lle daremos boa compaña, pois estamos pensando en mercar a saga enteira de "Los hijos de la Tierra" á que pertence este 1º libro do que nos fala esta alumna.
Ayla é unha nena Cro-Magnon de 5 anos que queda soa no mundo tras o terremoto que fixo perecer a toda a súa tribo. Tras o suceso, vese obrigada a vagar soa, inexperta e indefensa polos bosques na procura de alguén que a recolla e lle dea acubillo. Durante a súa procura, vese exposta a moitos perigos como as zarpas dun gran león cavernario, a deshidratación e inanición prolongadas. A piques xa de morrer, un grupo de Neanderthais atópaa e adóptana. Iza, a curandeira faise cargo dela como se fose unha filla do seu propio seo, coidándoa con agarimo e traspasándolle todos os seus coñecementos. Mog-ur, o mago e irmán de Iza, ve nela unha das marcas máis poderosas dos espíritos do Clan ademais dunha desenvoltura e axilidade mental sorprendentes. Mais o resto do grupo non e capaz de ver máis aló da súa estraña aparencia. As súas calidades, como a capacidade para falar de forma ben articulada e fluída ou a súa axilidade física, resultan tan diferentes e extraordinarias para O Clan que nunca acabaran de aceptala plenamente como unha máis.
Recomendo este marabilloso libro que vos fará pasar a moitos de vós un agradable anaco(longo, pois o libro dá para rato) na compaña de Ayla, a cal lle colleredes moi pronto un especial afecto.

venres, 13 de xaneiro de 2012

A T.I.A. de Ibáñez



Supoñemos que o debuxante Francisco Ibáñez ten ou tivo tías pero esta T.I.A. da que falamos é a axencia de “intelixencia”  á que pertencen  Mortadelo e Filemón. Vaivos soando o conto? Pois se hoxe falamos deste marabilloso artista é porque hai dous días que sacou un novo proxecto no que se rescatan as súas historias preferidas  en 60 volumes. Como nesta humilde biblioteca non temos presuposto para tanto, ocorréusenos darlle publicidade aos 25 títulos que temos deste magnífico debuxante.  Podedes consultar o catálogo AQUÍ.

Non deixedes tampouco de visitar a páxina web  de Mortadelo e Filemón
 Está chulísima !!!

mércores, 11 de xaneiro de 2012

Todo un mundo de ilusións

Este artigo non ten nada que ver cos Reis Magos dos que falamos onte pero si sobre a maxia do cerebro e a súa  forma de percibir os obxectos. Picade na foto de abaixo e entraredes nunha páxina web : El Mundo de la Ilusiones para vivir no mundo das ilusións ópticas... e tolear un pouquiño.
Mirade a imaxe durante un anaco. Que vedes?

Na biblio podedes atopar 
 Ilusiones ópticas. Las imágenes engañosas más espectaculares . ¡Verlo para creerlo! 
 Editorial Parragon

xoves, 22 de setembro de 2011

UN SOL DE LIBROS




Nos soles colocados estratexicamente no corredor que da entrada á biblioteca e na entrada principal do centro invitámosvos a compartir con nós os títulos dos libros que lestes no verán e que máis vos gustaron. Queremos así “abrir boca” neste curso que vai estar cheo de novidades e no que queremos a vosa inestimable axuda con pequenos detalles coma este. Entre os participantes faremos un SORTEO dun pequeno agasallo de benvida.