A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ata a provincia de Pontevedra a campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Cultura que ten como obxectivo difundir e poñer en valor o legado do escritor entre os veciños e veciñas que residen nalgunha das 28 rúas que en Galicia levan o seu nome.
A Consellería distribuíu entre os veciños das rúas da provincia dedicadas a Celso Emilio Ferreiro o material desta campaña, que consiste nun folleto de dezaseis páxinas con información detallada sobre o autor, presentada de maneira lúdica e orixinal: a vida en formato de fotonovela, unha liña biográfica, información sobre os discos que recollen no mercado os seus poemas musicados, un catálogo das súas obras e mesmo unha proposta de pasatempos (labirinto, sopa de letras, encrucillado etc.) sobre algunha desa información.
A campaña chegou concretamente aos concellos de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Pontevedra, Nigrán e Vigo. Fíxoo logo do seu paso polas provincias de Ourense, no mes de abril, e de Lugo, no mes de xuño. A Secretaría Xeral de Cultura completará a difusión desta campaña en outubro, coa distribución dos folletos na provincia da Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario