Axenda cultural do IES Ponteceso

Axenda cultural do IES de Ponteceso

Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.

xoves, 11 de outubro de 2012

NEIRA VILAS NA BIBLIOTECA DO CENTRO

  O martes tivemos a sorte de ter como invitado na nosa biblioteca ao escritor Xosé Neira Vilas. Falou de literatura co alumnado de 3º da ESO e poidemos gozar da súa compañía.

mércores, 10 de outubro de 2012

UN SAMAÍN DE MEDO!!!

Co gallo da celebración da festa do Samaín a Biblioteca e o Departamento de Dinamización Lingüística organizan un concurso de debuxo sobre esta noite máxica e terrorífica. Animádevos a participar e poderedes gañar grandes premios!!!



luns, 8 de outubro de 2012

Inauguración dos Clubs de Lectura (2012-2013)

Clubs de Lectura 2012-2013

O venres 5 de outubro tivo lugar a primeira reunión dos clubs de lectura na biblioteca. Deseguido, presentámosvos as fotos co suculento chocolate!

luns, 1 de outubro de 2012

OUTONO PONDALIANO


O mes de outubro chegará un ano máis a Ponteceso cargado de actos culturais da man da Fundación Eduardo Pondal. Co Simposio Pondaliano, que vai xa pola súa décimo quinta edición, como eixo central, a entidade elaborou un completo programa de actividades baixo a denominación de Outono Pondaliano que transcenderá as propostas formativas dirixidas aos mestres para involucrar tamén a todos os escolares do municipio e a calquera veciño que queira sumarse.
As actividades do Simposio desenvolveranse todos os martes pola tarde coa participación de varios académicos da Real Academia Galega, coma Xosé Neira Vilas, Xosé Luís Axeitos e o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín; autores presentando os seus libros (Xosé Antón Pet Posse e Xosé Antonio Andrade Figueiras) e outros representantes da cultura, coma o xornalista e escritor Tucho Calvo, José Félix Neira, Miguel Anxo Calvo ou Manuel Ferreiro.
Este próximo martes, dous de outubro, achegárase a nosa biblioteca o escritor e xornalista Tucho Calvo para realizar un obradoiro de xornalismo cos alumnos de 2º da ESO.

Velaquí tedes o programa completo das actividades


xoves, 27 de setembro de 2012

CHOCOLATADA PARA INAUGURAR OS CLUBS DE LECTURA

O PRÓXIMO MÉRCORES 3 DE OUTUBRO A BIBLIOTECA DE IES DE PONTECESO INAUGURARÁ OS CLUBS DE LECTURA DESTE CURSO 2012 -2013. POR SUPOSTO, ESTADES TODOS E TODAS INVITADOS!!!




Peche da editorial A Nosa Terra


Despois de máis dun século de loita pola lingua e cultura galega a editorial A Nosa Terra pecha definitivamente. Hai apenas un ano que a súa edición escrita desapareceu dos quioscos e agora tamén nos deixa na rede. 
Unha verdadeira mágoa!!!





martes, 25 de setembro de 2012

BIBLIOTECAS ESCOLARES, ACELERADORAS DE INNOVACIÓN



Con este lema, Biblioteca escolar, acelerador de innovación, preséntase o cartel que neste curso 2012/2013 edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co gallo da celebración do mes da biblioteca escolar (outubro) e do Día da Biblioteca (24 de outubro) e que chegará aos centros en datas próximas.



luns, 24 de setembro de 2012

Cultura e Educación difunde o legado de Celso Emilio Ferreiro na provincia de Pontevedra a través das rúas que levan o nome do poeta


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ata a provincia de Pontevedra a campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Cultura que ten como obxectivo difundir e poñer en valor o legado do escritor entre os veciños e veciñas que residen nalgunha das 28 rúas que en Galicia levan o seu nome.
A Consellería distribuíu entre os veciños das rúas da provincia dedicadas a Celso Emilio Ferreiro o material desta campaña, que consiste nun folleto de dezaseis páxinas con información detallada sobre o autor, presentada de maneira lúdica e orixinal: a vida en formato de fotonovela, unha liña biográfica, información sobre os discos que recollen no mercado os seus poemas musicados, un catálogo das súas obras e mesmo unha proposta de pasatempos (labirinto, sopa de letras, encrucillado etc.) sobre algunha desa información.
A campaña chegou concretamente aos concellos de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Pontevedra, Nigrán e Vigo. Fíxoo logo do seu paso polas provincias de Ourense, no mes de abril, e de Lugo, no mes de xuño. A Secretaría Xeral de Cultura completará a difusión desta campaña en outubro, coa distribución dos folletos na provincia da Coruña.




xoves, 20 de setembro de 2012

OS BOLECHAS



Os admiradores das historias creadas por Pepe Carreiro, Os Bolechas, están de noraboa.
O luns 24 de setembro, a TVG arrancará a nova programación cos 8 capítulos da serie Os Bolechas. O programa poderase ver na canle que a televisión pública lle dedica ao público infantil, a TVG2, no marco do coñecido espazo do “Xabarín Club”, e contará con tres emisións diarias.
Os muppets de Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa representarán as divertidas aventuras que os fixeron famosos no eido da literatura infantil. O seu éxito radica en seren un referente próximo para os nenos e nenas galegos, tanto porque a familia está integrada por personaxes de diferentes idades que permiten conectar con cativos de 2 a 10 anos, como porque viven experiencias semellantes ás dos nosos nenos e nenas en espazos por eles coñecidos.

mércores, 19 de setembro de 2012

Benvido curso 2012 - 2013





BENVIDOS E BENVIDAS A UN NOVO CURSO !!!

A Biblioteca do IES de Ponteceso quere darvos a benvida a este novo curso que xa comezou a andar.

MANIFESTO

Etimoloxicamente a palabra biblioteca significa lugar onde hai libros, mais se nos quedamos só nese significado denotativo non poderemos entender o que en realidade é unha biblioteca.

Por iso a nosa biblioteca quere ser un recuncho onde libros e persoas se atopen. Un lugar onde as historias das obras cabalguen das estanterías ás mentes dos rapaces. 

Cada palabra, cada diálogo, cada historia que mora nas follas dun libro está a agardar ao seu lector cómplice e copadecente. Aí están esperándovos moreas de liñas de misterio e emoción. 


Rapaces e rapazas!!!, non as fagades esperar!!!