Dende o IES de Ponteceso, sumámonos á iniciativa organizada por CGENDL. O día 12/12/12 ás 12:OO horas, o alumnado recitou este fervoroso poema a prol da lingua galega. Agradecémoslle a Manolo Varela a idea e a montaxe final deste vídeo.
Axenda cultural do IES Ponteceso
Axenda cultural do IES de Ponteceso
Benvidos ao noso blog co que intentaremos achegarvos á actividade cultural dende o noso centro.
xoves, 13 de decembro de 2012
Deitado fronte ao mar
xoves, 15 de novembro de 2012
xoves, 8 de novembro de 2012
Aniversario do nacemento de Bram Stoker
Bram Stoker é o protagonista do doodle que Google mostra hoxe. Este autor de orixe irlandesa, é coñecido mundialmente pola súa novela Drácula, escrita en 1897. Desde a nosa biblioteca sumámonos a esta homenaxe.
xoves, 1 de novembro de 2012
Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil
A escritora valenciana Laura Gallego acaba de gañar o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil coa súa obra Onde as árbores cantan. A carreira desta escritora é longa e prolífica e desde a nosa biblioteca queremos sumarnos a este recoñecemento.
Parabéns!!!
mércores, 31 de outubro de 2012
SAMAÍN 2012
Chega a noite do medo e do terror, onde os espectros atravesan as portas terrenais e nos veñen a recordar a nosa condición de mortais!!!
SAMAÍN
martes, 30 de outubro de 2012
xoves, 25 de outubro de 2012
Día das Bibliotecas Escolares
Onte celebramos o Día das Bibliotecas Escolares no noso centro. Aproveitamos para realizar a formación de usuarios para o alumnado de 1º da ESO e tamén realizamos a proxección do corto de animación Os fantásticos libros voadores do señor Lessmore, un animación que gañou Óscar no 2011 e que é unha verdadeira homenaxe á lectura.
Gozade con esta xoia da animación que fará que vos emocionedes!!!
xoves, 11 de outubro de 2012
RECOÑECEMENTO O LABOR CULTURAL DA EDITORIAL KALANDRAKA
O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, acaba de concederlle a editorial galega KALANDRAKA o Premio Nacional ó Mellor Traballo Editorial Cultural 2012 polo compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade das ilustracións e a dedicación a xéneros máis complexos, como a poesía.
Desde a Biblioteca do IES de Ponteceso sumámonos ós numerosos parabéns que merece esta nosa editorial.
MOITOS PARABÉNS!!!
NEIRA VILAS NA BIBLIOTECA DO CENTRO
O martes tivemos a sorte de ter como invitado na nosa biblioteca ao escritor Xosé Neira Vilas. Falou de literatura co alumnado de 3º da ESO e poidemos gozar da súa compañía.
mércores, 10 de outubro de 2012
UN SAMAÍN DE MEDO!!!
Co gallo
da celebración da festa do Samaín a Biblioteca e o Departamento de Dinamización
Lingüística organizan un concurso de debuxo sobre esta noite máxica e
terrorífica. Animádevos a participar e poderedes gañar grandes premios!!!
Open publication - Free publishing - More concurso
luns, 8 de outubro de 2012
Inauguración dos Clubs de Lectura (2012-2013)
Clubs de Lectura 2012-2013
O venres 5 de outubro tivo lugar a primeira reunión dos clubs de lectura na biblioteca. Deseguido, presentámosvos as fotos co suculento chocolate!
O venres 5 de outubro tivo lugar a primeira reunión dos clubs de lectura na biblioteca. Deseguido, presentámosvos as fotos co suculento chocolate!
luns, 1 de outubro de 2012
OUTONO PONDALIANO
O mes de outubro chegará un ano máis a Ponteceso cargado de actos culturais da man da Fundación Eduardo Pondal. Co Simposio Pondaliano, que vai xa pola súa décimo quinta edición, como eixo central, a entidade elaborou un completo programa de actividades baixo a denominación de Outono Pondaliano que transcenderá as propostas formativas dirixidas aos mestres para involucrar tamén a todos os escolares do municipio e a calquera veciño que queira sumarse.
As actividades do Simposio desenvolveranse todos os martes pola tarde coa participación de varios académicos da Real Academia Galega, coma Xosé Neira Vilas, Xosé Luís Axeitos e o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín; autores presentando os seus libros (Xosé Antón Pet Posse e Xosé Antonio Andrade Figueiras) e outros representantes da cultura, coma o xornalista e escritor Tucho Calvo, José Félix Neira, Miguel Anxo Calvo ou Manuel Ferreiro.
Este próximo martes, dous de outubro, achegárase a nosa biblioteca o escritor e xornalista Tucho Calvo para realizar un obradoiro de xornalismo cos alumnos de 2º da ESO.
Velaquí tedes o programa completo das actividades
xoves, 27 de setembro de 2012
CHOCOLATADA PARA INAUGURAR OS CLUBS DE LECTURA
O PRÓXIMO MÉRCORES 3 DE OUTUBRO A BIBLIOTECA DE IES DE PONTECESO INAUGURARÁ OS CLUBS DE LECTURA DESTE CURSO 2012 -2013. POR SUPOSTO, ESTADES TODOS E TODAS INVITADOS!!!
Peche da editorial A Nosa Terra
Despois de máis dun século de loita pola lingua e cultura galega a editorial A Nosa Terra pecha definitivamente. Hai apenas un ano que a súa edición escrita desapareceu dos quioscos e agora tamén nos deixa na rede.
Unha verdadeira mágoa!!!
Unha verdadeira mágoa!!!
martes, 25 de setembro de 2012
BIBLIOTECAS ESCOLARES, ACELERADORAS DE INNOVACIÓN
Con este lema, Biblioteca escolar, acelerador de innovación, preséntase o cartel que neste curso 2012/2013 edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co gallo da celebración do mes da biblioteca escolar (outubro) e do Día da Biblioteca (24 de outubro) e que chegará aos centros en datas próximas.
luns, 24 de setembro de 2012
Cultura e Educación difunde o legado de Celso Emilio Ferreiro na provincia de Pontevedra a través das rúas que levan o nome do poeta
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ata a provincia de Pontevedra a campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Cultura que ten como obxectivo difundir e poñer en valor o legado do escritor entre os veciños e veciñas que residen nalgunha das 28 rúas que en Galicia levan o seu nome.
A Consellería distribuíu entre os veciños das rúas da provincia dedicadas a Celso Emilio Ferreiro o material desta campaña, que consiste nun folleto de dezaseis páxinas con información detallada sobre o autor, presentada de maneira lúdica e orixinal: a vida en formato de fotonovela, unha liña biográfica, información sobre os discos que recollen no mercado os seus poemas musicados, un catálogo das súas obras e mesmo unha proposta de pasatempos (labirinto, sopa de letras, encrucillado etc.) sobre algunha desa información.
A campaña chegou concretamente aos concellos de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Pontevedra, Nigrán e Vigo. Fíxoo logo do seu paso polas provincias de Ourense, no mes de abril, e de Lugo, no mes de xuño. A Secretaría Xeral de Cultura completará a difusión desta campaña en outubro, coa distribución dos folletos na provincia da Coruña.
xoves, 20 de setembro de 2012
OS BOLECHAS
Os admiradores das historias creadas por Pepe Carreiro, Os Bolechas, están de noraboa.
O luns 24 de setembro, a TVG arrancará a nova programación cos 8 capítulos da serie Os Bolechas.
O programa poderase ver na canle que a televisión pública lle dedica ao
público infantil, a TVG2, no marco do coñecido espazo do “Xabarín
Club”, e contará con tres emisións diarias.
Os muppets de Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e
Chispa representarán as divertidas aventuras que os fixeron famosos no
eido da literatura infantil. O seu éxito radica en seren un referente
próximo para os nenos e nenas galegos, tanto porque a familia está
integrada por personaxes de diferentes idades que permiten conectar con
cativos de 2 a 10 anos, como porque viven experiencias semellantes ás
dos nosos nenos e nenas en espazos por eles coñecidos.
mércores, 19 de setembro de 2012
Benvido curso 2012 - 2013
BENVIDOS E BENVIDAS A UN NOVO CURSO !!!
A Biblioteca do IES de Ponteceso quere darvos a benvida a este novo curso que xa comezou a andar.
MANIFESTO
Etimoloxicamente a palabra biblioteca significa lugar onde hai libros, mais se nos quedamos só nese significado denotativo non poderemos entender o que en realidade é unha biblioteca.
Por iso a nosa biblioteca quere ser un recuncho onde libros e persoas se atopen. Un lugar onde as historias das obras cabalguen das estanterías ás mentes dos rapaces.
Cada palabra, cada diálogo, cada historia que mora nas follas dun libro está a agardar ao seu lector cómplice e copadecente. Aí están esperándovos moreas de liñas de misterio e emoción.
Rapaces e rapazas!!!, non as fagades esperar!!!
luns, 25 de xuño de 2012
Choiva de premios na biblioteca
O pasado venres 22 de xuño fixemos entrega dos premios aos últimos concursos convocados no noso centro e coa colaboración da biblioteca. Deixámosvos aquí unha reportaxe fotográfica do acontecido e seguidamente o poema premiado no V Certame Literario do IES de Ponteceso, de carácter comarcal, que recaeu en mans dunha rapaza que cursa 4º de ESO no IES Alfredo Brañas de Carballo. Parabéns a Mª Belén Trigo e ao resto de gañadores.
Entrega de premios no IES de Ponteceso on PhotoPeach
EU SON GALICIA! ( por Mª Belén Trigo)
Eu son a letra que recorre
unha folla en branco.
Eu son a que voa no vento
a que se agocha no bosque.
Eu son a nai de todos vós,
son o pai de todos aqueles
que se refuxian no meu interior.
Nacín coa beleza dunha snhor
e morrerei cando xa non teña voz;
Nacín no peirao,
morrerei no último barco.
Ao anoitecer escoitarasme gritar
no fondo do val e verás
as lámpadas da Santa Compaña
que a miña cara iluminarán.
Pola noite o ouveo do lobo
cara a lúa colgada no ceo;
escoitarase a música do trabador do noso reino.
Verás o sol baña-lo bosque; nacerá
un desexo no teu peito, latexando forte;
Así, con cada latexo escoitarásos meus soños tintados de verde.
Eu son unha nena, son un vello
son un vento do norte
son a chuvia do ceo
son un bico nun muíño
son un "si quero"
son un soño, un desexo...
Un corazón son
Eu son Galicia!...
luns, 18 de xuño de 2012
Guías de verán
Como xa vai rematando o curso, na biblio elaboramos unhas pequeniñas guías de lectura con algunhas das novidades e clásicos en galego e en castelán, para a ESO e para Bacharelato, en definitiva: para todos os gustos. Se vedes que nas guías non hai nada que vos convenza, non deixedes de pasar pola biblioteca, se cadra atopades o que estabades buscando. Veredes que tamén puxemos un expositor de novidades.
Hai moito onde escoller.
Teredes as guías en papel nas aulas, pero polo momento, para ir facendo boca...
domingo, 17 de xuño de 2012
Recomendación: 100 mitos de la ciencia
Recoméndannos este abraiante libro que temos
na biblio na sección de divulgación científica (001).
Debemos saber distinguir moi ben entre ciencia
e mito, xa que a maioría das afirmacións, como por exemplo, "nacen mais nenos en
lúa chea", "só usamos o 10% do cerebro", "Mendel era mal estudante"..., son mitos.
Un mito é tan só unha afirmación que resulta atractiva para a nosa mente sen
ter ningún tipo de fundamento científico. Anímate!! le o libro os 100
mitos da ciencia e desta forma descubriras a orixe deles.
Ana Álvarez 1º A BAC.
xoves, 14 de xuño de 2012
VISITA DO POETA PACO SOUTO
O poeta cos "Esquíos Lectores" |
O pasado 15
de maio veunos dar unha especie de visita un poeta e dramaturgo galego chamado
Paco Souto.
Un poeta malpicán que realizou con
nós unha pequena actividade porque os nenos e nenas do Club de Lectura “Os
esquíos lectores”, de 1º e 2º de ESO, lemos un dos seus libros de poesía, As
horas de María, que gañou o premio de poesía Jhan Carballeira. Nel os
poemas inspíranse nunha campesiña de finais do século XIX e metade do XX, que é
unha idealización das súas dúas avoas e do seu mundo. Conta as emocións e
frustracións dunha muller en diversas situacións: a chegada de novos inventos
como a lavadora e a trelevisión, as vivencias e rutinas como traballadora da
terra... e mais os seus problemas persoais.
Logo de que
nos comentara varios aspectos do libro, respondeu ás nosas preguntas. Para el a
poesía “non se pode tomar ao pé da letra” e
a linguaxe poética “posúe outros significados que non son os da lingua
coloquial”.
Máis tarde recitou algúns dos seus
poemas preferidos, entre os que escollemos o preferido da maioría dos esquíos
lectores, incluída a profesoa Gelines.
Natalia Aguiar 2ºB ESO
CARTA
ÚLTIMA ( Paco Souto)
Querido Manuel
dous puntos
mándoche esta
para que saibas que estamos ben
os rapaces medran como liño
e cando te queres dar de conta
xa é tempo de mazalo
a besta vai parideira
e non deixa andar de a cabalo
A Roxa e a Morita están secas
dúas crías trouxo a Linda
e claro
non xuntamos un cuartillo
Polo demais
todo ben
O Andresiño
vai aprender de zapateiro á Coruña
quintas e sextas
pola noite
á escola que di o tolo de Froxel
cas Lola
A nena
é un caravel que me sae do peito
e non se me quita de diante
vou ao río alá vén ela
estro as cortes alá está ela
chamo ao gando
e nin podo coller herba
con mamá calquera a deixa!
agora mesmo
non para de andarme entre as letras
e a ti
como che vai a guerra?
martes, 12 de xuño de 2012
V Xornada dos clubs de lectura.
Este foi o vídeo de entrada á esta nova xornada dos clubs de lectura celebrada en Santiago. Coma sempre, estamos contentos de ter asistido, pero máis contentos se cadra de ter a oportunidade de coñecer, non só a persoeiros da talla de Víctor Freixanes ou Eliacer Cansino, senón de compartir unhas magníficas experiencias con rapaces, pais e profes doutros clubs de lectura. Aquí podedes escoitar a alguns coordinadores e integrantes dos clubs de lectura Arao, do IES Pedra da Aguia, de Camariñas, e do CPI dos Dices, de Rois.
domingo, 10 de xuño de 2012
Premio Xerais de Novela
Pai e filla na entrega dos premios.
|
Acábase de conceder un dos premios máis importantes no eido da literatura de ficción en galego e o que nos sorprende non é a novela en si, porque non a coñecemos, senón que está escrita a catro mans: María e Manuel Lorenzo, os autores, son filla e pai e aínda que non é a primeira vez que se da este estraño pero fermoso fenómeno si é a primeira vez que recibe un galardón desta categoría, alomenos en galego. A primeira novela deste mestre e da súa filla que tamén se prepara para selo, chámase “Tonas de laranxa” e foi galardoada por unanimidade por un xurado que dixo dela : «sen menoscabo para as excelentes novelas presentadas a este premio, tivemos moi clara a escolla desde o primeiro momento, feito que deu como resultado unha rapida elección por unanimidade. Non hai dúbida de que os membros do xurado quedamos engaiolados polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral para dar lugar a unha novela fermosa». Haberá que tela en conta, sen dúbida.
xoves, 7 de xuño de 2012
RAY BRADBURY (22-VIII-1920/5-VI-2012)
Este escritor norteamericano é un exemplo de amor á
literatura, e sobre todo, á lectura. Non puido cursar estudos universitarios
debido a dificultades económicas, pero dende xove foi un lector empedernido,
polo que decidiu formarse de maneira autodidacta a través de libros. Escribiu os
seus primeiros contos para revistas nos anos 40, e tamén traballou como
guionista para televisión e cine, un de cuxos traballos máis destacados foi a
súa colaboración co gran director John Huston no guión da película que adaptaba
a novela Moby Dick de Herman Melville,
e que sería rodada por Huston en 1956.
As súas obras máis coñecidas son Farenheit 451 (novela que presenta un
futuro no que os libros están prohibidos, e na que un bombeiro cuxa profesión
era queimar libros cambia a súa actitude ao coñecer unha misteriosa rapaza), e a
colección de relatos Crónicas marcianas
(que narran a colonización de Marte polos humanos e a extinción da civilización
marciana que alí existía).
O seu epitafio leva a inscrición que el pediu,
“Autor de Farenheit 451”; e, como despedida, recollemos unhas palabras súas que
ilustran moi ben a súa concepción da literatura e do mundo:
“Nas miñas obras non tratei de facer
predicións acerca do futuro, senón avisos. É curioso, no meu país cada vez que
xurdía un problema de censura saía a relucir como paradigma da liberdade Farenheit 451. Os intelectuais, xa sexan
de dereitas ou de esquerdas, sempre teñen medo ao fantástico porque lles parece
tan real ese mundo que cren que estás intentando enganar e, evidentemente, así
é. (…) Vivimos nun mundo que nos absorbe coas súas normas, coas súas reglas e a
burocracia, que non serve para nada. Hai que ter moito coidado cos intelectuais
e os psicólogos, que che intentan dicir o que tes que ler e o que non”.
luns, 4 de xuño de 2012
Gañadores do III Premio Ángel Carracedo.
Xa temos gañadores para
esta edición dos premios de Divulgación Científica Ángel Carracedo e na que
colaboran varios departamentos do centro, entre eles a biblioteca.
Reunido o xurado, este
decidiu outorgar dous segundos premios: un para o traballo sobre Fátima Bosch i
Tubert realizado por María del Mar Córdova e Antía Suárez ( á dereita da foto)
e outro sobre Robert Oppenheimer realizado por Stefany S. Cahuaya Pancca e
Maikel Rey ( á esquerda).
Parabéns para os premiados!!!
martes, 29 de maio de 2012
Graduación no instituto
Non podemos deixar de “colgar” neste espazo o simpático vídeo protagonizado polos alumnos de 2º de Bacharelato do noso centro e o emotivo discurso de Luis Giadás lido pola nosa xefa de estudos, Eva. Respírase compañeirismo, esforzo e alegría. Ánimo a todos que xa falta menos para achegarvos aos vosos soños.
domingo, 27 de maio de 2012
Novidades de maio
Presentámosvos hoxe SÓ algunhas das novidades de maio coas que contamos na biblioteca: LIBROS, PELÍCULAS e MÚSICA para gozar …
Novidades de maio en Biblioaponte on PhotoPeach
xoves, 24 de maio de 2012
Fin da feira
Hoxe dimos por finalizada a feira de libros en beneficio de BUBISHER – Escritores polo Sahara. Non temos aínda cifras oficiais, pero estimamos que recadamos da orde de 130 € só coa venda dos libros que tan desinteresadamente foron doados por profesorado e alumnado. Mañá venres remataremos tamén coa venda das camisetas, marcapáxinas e chapas que nos pasou a propia ONG para o fermoso proxecto que consiste en levarlle libros aos nenos dos distintos campamentos Saharauís, en definitiva levarlles o maior dos sorrisos.
Dende a biblioteca queremos darvos as grazas pola vosa participación e polo voso interese neste proxecto, como en todo o que este ano estamos facendo. É unha ledicia traballar así.
Unha pequeniña reportaxe fotográfica para ilustralo:
Remata a feira de libros on PhotoPeach
mércores, 23 de maio de 2012
Novas de arte e literatura
Como o que nos gusta facer non é máis que fomentar a lectura e a
cultura en todos os seus ámbitos, acabamos de “plantar” un ‘widget’ ou ‘gadget’
neste blog ( esas pequenas aplicacións
que temos na parte dereita) para tervos
máis informados, se cabe, de todo o que acontece polos lares da cultura
internacional. Mola non? Podémoslle cambiar a aparencia se non vos
gusta esta, así que non vos cortedes en mandar as vosas suxestións.
luns, 21 de maio de 2012
Premios do Maratón
Xa temos premios
e flamantes premiados nesta edición do Maratón
Cultural do instituto.
Como boa
competición, estivo a cousa disputada ata o final pero aquí temos os gañadores:
1º Premio: DANDELION con 49’5 puntos
2º Premio: LANGARANGALOS con 48’5 puntos
3º Premio: BUTTERFLY con 48’25 puntos
Parabéns a todos
os participantes que fixestes que a
biblioteca fervera nestas últimas semanas. Preparádevos para a próxima edición
e moitas grazas por toda a ilusión que puxestes no concurso.
Os gañadores
recibiredes os vosos premios nun evento
especial que estamos preparando para finais de curso.
NORABOA !!!!! xoves, 17 de maio de 2012
50 Anos de Letras
Celebramos hoxe o día grande das nosas letras cunha fermosa exposición en recordo a todas as figuras homenaxeadas neste día e en particular ao galeguista VALENTÍN PAZ ANDRADE ao que se lle reserva un recuncho especial na entrada do noso instituto. A nosa noraboa aos alumnos de 1º de BAC e 3º da ESO pola magnífica recompilación de autores e obras que podedes ver no corredor principal e non deixedes de ler esta escolma de textos de todos eles que vos presentamos ou de visitar a páxina de Normalización na que atoparedes moreas de reportaxes e recursos sobre Paz Andrade.
Feliz día e felices letras!
Open publication - Free publishing
martes, 15 de maio de 2012
Boletín X&Q do mes de maio
A biblioteca volve sacar boletín: O X&Q do mes de maio no que atoparedes novas da cultura, actividades levadas a cabo no centro e recomendacións da biblioteca... Esperamos que vos guste.
Open publication - Free publishing
luns, 14 de maio de 2012
FESTILETRAS 2012
Singular é aquilo que é diferente
a todos os outros da súa especie. Singular é Ponteceso e máis singular é O
Couto. E O Couto é singular porque, entre outras singularidades destacables,
organiza e difunde o FESTILETRAS. Difícil atopar un evento para a cultura
galega semellante baixo a responsabilidade dos veciños dunha aldea
irreductible. Tan irreductible que a aldea vén batallando 30 anos na teima esa
de difundir os valores da cultura galega como ferramenta de identificación de
noso.
Coa
trixésima edición do evento consolídase unha das progamacións senlleiras do
panorama cultural galego. Así as cousas, imos poder gozar da música de xente familiar
para nós como Xurxo Souto ou os aclamados Kepa Junquera e Joan Garriga,
deleitarnos coas virguerías ilusionistas do Mago Antón, a animación verbal de
Quico Cadaval ou Cándido Pazó, a homenaxe a escritores case tan partícipes da actividade
da Asociación como os mesmos veciños (Xelucho Abella, Xabier Docampo, Miguel
Mato, …), o humor das Cantareiras de Ardebullo ou o encontro con escritores da traxectoria dun Neira Vilas ou Fran
Alonso.
Sen entrar no pormenor
de todas e cada unha das múltiples actividades, sabede que o mércores de mañá
encetarase a programación que non ha rematar até o domingo á tardiña. Convén
non distanciarse moito de toda esta variedade porque é posible que atopedes
aquilo que vos interesa. Ide á guía para o comprobar: hai de todo e para todos
con moita calidade, para aprender ou para desfrutar.
venres, 11 de maio de 2012
O primeiro libro impreso do mundo
O Sutra do
Diamante é o primeiro libro impreso no mundo do que se ten noticia. Trátase dun
breve traballo no que se recolle o frontispicio do Vajracchedika
Sutra hindú, algo así como un tratado sobre a perfección da sabiduría. Atopouse nunha cova en China a principios do
século XX e está datado o 11 de maio de
868. O método de
impresión foi mediante bloques de madeira gravados e aínda que moito cambiaron as cousas , por sorte, 1244 anos despois, seguimos a ler.
xoves, 10 de maio de 2012
"Glogster" sobre Ollos de Auga de Domingo Villar
O grupo dos medianos do club de lectura vén de realizar un pequeno traballo sobre o último libro lido : Ollos de Auga de Domingo Villar. Fixeron un Glogster, que é algo así como un póster dixital. A ver se vos gusta.
Se o queredes ver enteiro clicade AQUÍ
Se o queredes ver enteiro clicade AQUÍ
mércores, 9 de maio de 2012
Día de Europa
Ninguén se preguntou que facían tantas bandeiras no corredor?
Poi hoxe celebramos o DÍA de EUROPA.
Non sabemos se , coa que está caendo, hai realmente moito que celebrar tal día como hoxe, pero non está de máis ter un pouco de información do que representa ser parte dos 27 países que conforman esta especial comunidade que naceu un 9 de maio.
luns, 7 de maio de 2012
Preguntas da 4ª Semana
E xa chegamos ao remate do concurso. Estas son as preguntas para a última semana do Maratón Cultural.
Moito ánimo!!!!
mércores, 2 de maio de 2012
Convocatorias de premios no instituto.
Lembrade que o venres día 4 deste mes finaliza o prazo para entregar os vosos traballos literarios nas seguintes convocatorias: V Premio de poesía Eduardo Pondal para alumnos de secundaria da comarca de Bergantiños e o V Certame de creación literaria do IES de Ponteceso nas modalidades de Poesía e Relato Curto.
Recordámosvos as bases cos seguintes documentos:
Xa non queda nada!!!
luns, 30 de abril de 2012
Preguntas da 3ª Semana
Aquí tendes as preguntas para a 3ª semana deste emocionante Maratón Cultural. Xa sabemos que estamos de ponte, pero podedes ir facendo as preguntas de Internet dende a casa , que vos parece?
Ánimo que xa queda pouco...
Ánimo que xa queda pouco...
domingo, 29 de abril de 2012
Lecturas no Día do Libro
Outra das actividades realizadas no Día do Libro foi esta pequena escolma de textos seleccionados principalmente por alumnos de 3º de ESO e lidos na biblioteca no recreo.
Lecturas no Día do Libro on PhotoPeach
mércores, 25 de abril de 2012
Actividades no DÍA DO LIBRO
Publicamos hoxe unha simpática reportaxe dalgunhas
das actividades celebradas antonte no instituto, falamos da feira de libros e das
exposicións de textos ilustrados, “Instant
Books” e de “pop-ups" que se atopan na biblioteca: Non deixedes de visitalas.
Dende a biblioteca queremos dar as grazas a
toda a comunidade escolar pola tremenda acollida desta II Feira de Libros de
Ocasión, grazas polas vosas achegas e
polas vosas compras, pero sobre todo grazas por alimentar a certeza de que...
os
libros aínda son amados.
luns, 23 de abril de 2012
DÍA DO LIBRO
“ El que lee mucho y anda mucho, ve mucho y sabe mucho”. Miguel de Cervantes Saavedra
Xa chegou o día grande das letras , O DÍA DO LIBRO, ao noso instituto e como sabedes, temos unha morea de actividades para estes días.
Seguindo os consellos de tan excelso autor, recibímosvos cunha feira de libros de ocasión, unha exhibición de textos ilustrados, unha exposición de “Instant Books” e “Pop-ups” e unha rolda de lecturas na biblioteca. Por suposto, non vos esquezades do Maratón Cultural que publica hoxe as preguntas da 2ª Semana…
Os cartos recadados coa venda de libros da nosa feira irán a parar a mans dunha ONG chamada BUBISHER (significa o paxaro que trae a boa sorte) que se ocupa de levarlle libros a todos os nenos dos campamentos saharauís a través dun bibliobús, pero ademáis agora xa teñen construída unha biblioteca fixa nun dos campamentos, en Smara, na que dentro de pouco poderán tamén gozar da lectura grazas a solidariedade de centos de persoas coma vós.
Non vos explicamos máis, preferimos que vexades este vídeo no que os receptores deste tesouro nolo contan en primeira persoa.
domingo, 22 de abril de 2012
Día da Terra
Celébrase en moitas partes do mundo o Día da Terra dende o ano 1970 para remover conciencias e recordarnos os terribles problemas cos que estamos enchendo este pequeno anaco do noso universo: A falta de auga, a superpoboación , a contaminación en todas as súas formas, o quentamento global , etc están poñendo en serio perigo a nosa forma de vida.
Un visionario, o xefe Indio Seattle da tribu Suwamish escríbelle unha carta ao presidente dos EEUU en 1855 en resposta a súa intención de mercarlle as terras ás que esta tribu está tremendamente unida. En moitos ámbitos ecoloxistas esta é “a declaración máis fermosa e profunda que endexamais se fixera sobre o medio ambiente”:
venres, 20 de abril de 2012
Bram Stoker
Supoñemos que a moitos de vós o nome de BramStoker déixavos como estabades pero se digo: "Drácula”, seguro que o conto
cambia. Pois si, hoxe queriamos falar
deste escritor irlandés, autor dunha das novelas máis lidas no mundo enteiro e que
morreu tal día como hoxe do ano 1912, días despois de afundir o Titanic (supoñemos que pouco se falaría da súa morte nos seus tempos) así que como
nesta biblio somos así de raros, gústanos falar de libros e os seus autores , entre outras cousas,
e decatámonos de que temos exemplares de tan famoso conto na lingua de Pondal,
na de Cervantes e na de Shakespeare … entón, agora que se achega o Día do
Libro, que non é nada máis e nada menos que a maior festa da palabra a nivel
mundial, por que non gozar dunha obra única
nalgunha destas linguas?
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)